Eleccións Europeas 9-X

Así propón a CRTVG cubrir as europeas: un único debate, en faixa de baixa audiencia, e con presenza de Ciudadanos

Estudio multimedia da RG, desde onde se vai emitir ao vivo o debate das europeas.
Ciudadanos (C's) terá presenza na cobertura que a CRTVG vai facer da campaña electoral das europeas do 9 de xuño. O partido, que non ten edís nin deputadas na Galiza —non concorreu aos comicios galegos— é considerado polo medio público como "grupo político significativo", no que tamén inclúe Sumar, partillará espazo co PP, BNG e PSdeG.

A CRTVG remitiu á Xunta Electoral o seu plan de cobertura para as eleccións europeas do 9-X, un documento de 8 páxinas ao que tivo acceso Nós Diario que contempla a participación de Ciudadanos nos debates, entrevistas e cobertura do medio público durante estes 15 días. A compañía dirixida por Alfonso Sánchez Izquierdo considera este partido, que carece de peso ou presenza institucional e pública na Galiza, un "grupo político significativo", polo que será obxecto de cobertura nesta campaña, ao igual que PP, BNG e PSdeG. A mesma cualificación dá a Sumar. Porén, fican fóra da cobertura Podemos e Vox. O argumento da CRTVG é que  PP, PSdeG e BNG teñen dereito a cobertura por superar nas anteriores europeas, en maio de 2019, os 150.000 votos. 

Canda estas tres formacións, as máis representativas na Galiza, a radio e televisión pública estabelece o criterio de "grupo significativo" para aquelas que desde entón tiveran en recentes comicios un mínimo de 5% dos sufraxios válidos na Galiza. A CRTVG contempla aí citas como as municipais e estatais de 2023 ou os comicios galegos do pasado mes de febreiro. En ningunha delas obtivo C`s na Galiza esa porcentaxe. Si que a superou nas anteriores europeas, as mencionadas de 2019 (6,6%). Podemos-EU logrou nesa cita 8% dos votos na Galiza.  

No plan de cobertura das europeas de 2019 a CRTVG non incluíu en principio a  na cobertura electoral, mais finalmente si o fixo despois de que a Xunta Electoral admitise un recurso do partido laranxa nese sentido.  Naquel ano CS fora cuarta forza en votos na Galiza nas eleccións estatais. logrando 2 escanos. 

A cobertura da televisión e radio públicas galegas para as eleccións do 9 de xuño contempla un único debate entre as candidaturas galegas e que será a vindeira segunda feira (día 27) e entre as 10 e 11 horas, unha faixa de escasa audiencia. 

En español

O outro debate que se contempla emitir nesta proposta presentada pola CRTVG é o organizado polo Parlamento Europeo. Simplemente, radio e televisión partillaron o sinal a través da web e da TVG2 para poder ver o debate entre os candidatos das principais formacións continentais.  Precisamente, a CRTVG emitiu na noite da quinta feira esedebate cos candidatos para presidir a Comisión Europea, unha emisión que se fixo traducida ao español e sen presenza ningunha do galego.

Por último, os medios públicos entrevistarán en campaña os representantes de PP, BNG, PSdeG, Sumar e Ciudadanos, que se emitirán  días mais sempre nesa faixa horaria de baixa audiencia que son as 10 da mañá.