Así será o futuro Conector Central de Compostela

O edil de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás. (Foto Nós Diario).
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, deu a coñecer esta segunda feira os obxectivos e principais liñas para o Conector Central da Cidade.

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, acompañado polo concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e os xefes de servizo de Obras e Proxectos e Planeamento e Xestión Urbanística, Antonio Ranedo e Enrique Seoane, respectivamente, deu a coñecer esta segunda feira os obxectivos e principais liñas para o Conector Central da Cidade, un concurso que aspira a ter alcance internacional para avanzar cara a un "novo modelo urbano" con tres obxectivos principais.

Na rolda de prensa, Lestegás agradeceu a implicación do persoal que fixo un traballo técnico especializado e rigoroso aproveitando todo o coñecemento que hai no Concello e que permite que este concurso non sexa "unha folla en branco". Tamén explicou que no deseño deste concurso se tivo en conta a opinión de expertos externos e destacou a "importancia desta actuación para este Goberno".

Lestegás detallou que os tres obxectivos principais do novo modelo urbano ao que contribuirá este concurso son "mellorar o día a día das persoas e construír unha Compostela boa de vivir; garantir a sustentabilidade ambiental nun contexto de cambio climático que ameaza o futuro do planeta; e coidar a calidade dos espazos públicos, sabendo que ten efectos moi notábeis no benestar". En definitiva, "mellorar a calidade de vida" das persoas.

O Conector Central da Cidade parte desde a Alameda e atravesa toda a Virxe da Cerca até a contorna de San Caetano e ten un ámbito de actuación de perto de 43.000 metros cadrados e 16 rúas e nós, e cinco tramos. "É un espazo de oportunidade para avanzar cara a ese novo modelo urbano". Na súa intervención, o concelleiro explicou que, actualmente o tráfico rodado "acapara demasiado espazo neste ámbito", mais en "boa parte" deste ámbito a sección de rúa "é suficiente para reasignar o espazo dispoñíbel de modo que se favorezan outras formas de mobilidade e outros usos do espazo público". Debido ás diferenzas nos distintos tramos, o concurso formula que se busquen ideas "innovadoras e imaxinativas" para resolver o reparto do espazo co obxectivo de dar prioridade á mobilidade sustentábel.

"Acceder e atravesar"

A proposta de circulación que se formula para o concurso é coherente co Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS), que en días pasados abordou o concelleiro Xan Duro, que confirmou a coherencia entre ambas as cuestións, na liña de reducir o impacto ambiental do transporte e favorecer o uso compartido dos espazos públicos, "contribuíndo en definitiva a mellorar a calidade de vida de toda a cidadanía"

Na súa intervención, explicou que a rúa Virxe da Cerca é "unha das arterias centrais para a organización do transporte público, e conta con elementos atraentes de mobilidade como a Praza de Abastos ou os centros de ensino da zona, e todas estas derivadas deben ser tidas en conta en calquera intervención". Nese sentido, o edil incidiu en que o reto é "manter os servizos que precisa a cidade e garantir o seu correcto funcionamento, eliminando o carácter de circunvalación do viario".

Lestegás remarcou, neste sentido, que a proposta de circulación distingue dous conceptos, nos que fixo fincapé: "acceder e atravesar". É dicir, poderase acceder a todos os puntos co vehículo mais non usar de "atallo" entre o Norte e Sur e viceversa. Si poderán circular no dobre sentido os autobuses de transporte colectivo (incluídos os autobuses escolares), de mercadorías e residentes e os vehículos de emerxencias.

O concurso parte da idea do "centrifugado" do tráfico cara ao exterior, un modelo que xa está en marcha noutras cidades para evitar o tráfico superfluo ou de axitación, de maneira que dúas rúas (Castrón Douro e a Rúa das Trompas) funcionarán como vectores de saída dos vehículos. En palabras de Lestegás, "trátase de superar o carácter de travesía urbana deste ámbito".

E como dixo o concelleiro Xan Duro, esta saída de vehículos supón que "a rúa da Ensinanza será espazo libre de vehículos privados, salvo que sexan residentes". Permitirase o paso de vehículos motorizados particulares con orixe ou destino no propio ámbito de actuación, así como dos vehículos de carga e descarga ou servizos públicos como transporte, limpeza, emerxencias ou mantemento.

Con estas actuacións, o Goberno local aspira a "reducir notabelmente o número de vehículos no ámbito, sen impedir que aquelas persoas que necesitan acceder en coche poidan facelo", en palabras de Lestegás. "Esta é a nosa visión de futuro para este ámbito, froito dun traballo técnico rigoroso", indicou o concelleiro de Urbanismo, para matizar que serán "os equipos participantes os que deberán definir como se materializa e como se distribúe o espazo do modo máis harmónico, eficiente e xusto".

A xunta de Goberno local deu luz verde esta segunda feira ao convenio entre o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos da Galiza (COAG), que ten por obxecto estabelecer a colaboración entre o Concello e o Colexio, que se centrará na definición dos criterios técnicos de cada unha das fases do concurso, difusión do concurso e formar parte do xurado.

Criterios

Lestegás explicou que os criterios para o concurso son, en primeiro lugar, a mellora da calidade urbana, con énfase na accesibilidade, seguridade e equidade; flexibilidade, versatibilidade e confort; e a dinamización do comercio de proximidade, un ámbito no que o Executivo local está incidindo dende diferentes puntos da acción de goberno para favorecelo.

Tamén se inclúe o concepto do metabolismo urbano e sostibilidade, incluíndo a mellora da xestión do ciclo da auga, a incorporación de verde urbano e a racionalidade e eficiencia dos servizos urbanos; a materialidade (mellora da habitabilidade do espazo público, uso de solucións de baixo impacto ambiental, durabilidade dos materiais e utilización de mobiliario inclusivo); e o valor histórico (integración dos elementos patrimoniais e arqueolóxicos, mantemento e reutilización dos pavimentos de granito existentes no ámbito).

Outro criterio é o da circulación, coa busca do fomento do transporte colectivo e da mobilidade activa, a redución do número de vehículos particulares, calmado de tráfico e mellora da seguridade e da accesibilidade. Nunha primeira fase do concurso, o xurado seleccionará entre as candidaturas que teñen que acreditar a solvencia técnica e económica e presentar unha proposta técnica. Nesta primeira fase, Lestegás indicou que aspira a que se presenten o máximo número de candidaturas. O resultado desta primeira fase será a selección de cinco equipos que desenvolverán a proposta na segunda fase do concurso. Na segunda fase, os equipos presentarán unha proposta a nivel de anteproxecto entre as que se seleccionará a proposta gañadora.