Ana Belén Vázquez (PP)

"Aspiramos a gañar con Núñez Feixoo, non queremos gobernar con minorías"

Ana Belén Vázquez foi deputada nesta lexislatura. (Foto: Nós Diario)
Ana Belén Vázquez Branco é a candidata número 1 do PP ao Congreso por Ourense.

—Leva varias lexislaturas no Congreso, con distintos gobernos e responsábeis do PP. Que agarda desta etapa con Feixoo á fronte?
Levo sendo deputada con itinerancia desde o ano 2000. Para nós é unha ilusión que por primeira vez que un ourensán sexa o candidato á Presidencia do Goberno. Feixoo coñece cada recuncho de Ourense, para nós é un luxo, como ourensá estou encantada e é unha responsabilidade tremenda pero tamén é un plus que sexa o candidato. 

—As enquisas deixan claro que non haberá maiorías absolutas, haberá que pactar, o PP xa fixo pactos con Vox logo do 28-M. Que opinión lle merecen?
Logo das eleccións municipais e autonómicas Feixoo deu liberdade aos territorios para que pactaran e fixeran os acordos máis convenientes. Critícanos por pactar con Vox cando son só dous, Valencia e Extremadura, temos máis pactos co PSOE despois do 28-M que con Vox. Non son a persoa máis axeitada para falar de relacións con Vox porque carezo delas. Aspiramos a gañar e a gobernar en solitario, que sexa o presidente Feixoo co seu goberno, que só se deba aos españois, que non lle deba nada ás minorías. Non queremos gobernar con minorías.

—É violencia machista ou violencia intrafamiliar?
Para min é violencia machista, non lle vou cambiar o nome. Pertenzo a un corpo policial, sei o traballo que levan con escasos medios. Desde que se instaurou en España o sistema Vioxen 169 mulleres coa protección máxima foron asasinadas. No momento en que unha muller é asasinada o Estado fracasa, o reforzo ten que ser con medios policiais.

—O PP de Ourense é importante activo electoral de todo o partido e semella non estar pasando o seu mellor momento. Como afrontan os de Baltar estes comicios?
Estamos diante dunha nova etapa que se abre no PP de Ourense coa marcha de Baltar como presidente da Deputación, pero noto as mesmas ganas por parte dos alcaldes e os responsábeis locais, que son ese exército que dá a cara polas candidaturas do PP e que van ocasionar un gran trunfo o 23 de xullo. Temos o reto dun 3-1, o noso obxectivo é conseguir ese terceiro escano, é posíbel porque só o xogamos entre PP e PSOE. 

—Di Ourense ou Orense?
Eu cun deputado de Vox tiven unha trifulca por mofarse do meu acento. Eu son galegofalante, pero ademais son galeguista, crieime nunha familia onde se fala galego de sempre. A lingua non é para enfrontar, é para unir. Eu quero tanto a España coma calquera español, e quéroa con acento galego, e vou defender sempre o meu idioma e a miña cultura.