Baltar busca recambio para Jácome

Gonzalo Pérez Jácome e Manuel Baltar na revalidación do cargo de Baltar na presidencia da Deputación cos votos de DO (Imaxe: Europa Press)
As diverxencias internas ameazan con apartar da alcaldía de Ourense Gonzalo Pérez Jácome.

Os insistentes rumores sobre as diferenzas dentro de Democracia Ourensá (DO) confirmáronse nas últimas reunións da agrupación independente, onde a maioría dos concelleiros solicitaron ao rexedor explicacións sobre a opacidade na xestión económica do partido. Segundo sinalaron algúns dos asistentes á xuntanza, unha parte dos presentes esixiron a Jácome que aclarase o estado das contas e se non que dimitise como alcalde.

As dúbidas sobre a contabilidade da formación céntranse presuntamente na negativa de Jácome a facer pública a súa declaración de patrimonio e nas doazóns dalgúns dos asesores do partido adscritos ao Goberno local. Neste sentido, algunhas fontes consultadas por Nós Diario apuntan mesmamente a unha posíbel investigación sobre as finanzas da organización por parte do Tribunal de Contas. Porén, a discusión sobre a falla de claridade na xestión económica do partido agocha un debate máis de fondo, até o punto de afirmar Pérez Jácome que “a ninguén se lle escapa que detrás de certos movementos agóchanse intereses económicos espurios que sempre gobernaron esta cidade”.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, estaría detrás da operación de substitución de Jácome á fronte do Goberno da cidade. Segundo puido saber Nós Diario, o Partido Popular e os concelleiros díscolos de Democracia Ourensá barallan como novo alcalde Miguel Caride, portavoz municipal desta formación. A candidatura de Caride conta co apoio do grupo municipal do PP, a totalidade dos concelleiros de Democracia Ourensá, agás de Armando Ojea e do propio Pérez Jácome, e probabelmente cos dous representantes de Ciudadanos, formación que xa contribúe á gobernabilidade na corporación provincial.