Baltar no xuízo polos 104 enchufes: ‘’Estaba convencido de que as cousas se facían ben’’

José Luis Baltar

O ex-presidente da Deputación de Ourense e do PP na provincia alegou no xuízo que estaba convencido de que esas contratacións ‘’non precisaban publicidade’’.

José Luis Baltar declarou na mañá desta segunda feira no xuízo en que se lle acusa de enchufar a 104 persoas e que decorre no Pazo Xudicial de Ourense. O ex-presidente da Deputación e do PP na provincia afirmou que estaba convencido de que esas contratacións “non precisaban publicidade”.

Baltar declarou durante unha hora, afirmando que el pensaba que “as cousas estaban a facerse ben” e apuntando a que a responsabilidade era de altos cargos da Deputación. “A eles tamén se lles colou”, dixo.

O ex-dirixente do PP afirmou que desde os diferentes servizos da Deputación víñaselle demandando que contratase persoal porque ficaran “sen 120 traballadores”. Foi ante esa insistencia polo que decidiu contratar persoal. Iso si, sin publicidade. “Teño que recoñecer aquí que descoñezo a ordenanza que asinei en 2004 para as contratacións na Deputación”, dixo Baltar.

Na sala e durante cinco días a partir desta segunda-feira, 30 de xuño, José Luis Baltar sentará no banquiño dos acusados nunha vista que contará coas declaracións das testemuñas pedidas polo fiscal, pola acusación exercida polo PSOE -16 alcaldes-, pola do sindicato Manos Limpias e pola defensa. Como pano de fondo, o enchufismo.


 

Segundo o escrito de acusación do fiscal, Baltar pai -o seu fillo herdou o seu cargo- decidiu que a Deputación contratase a 104 persoas cun contrato temporal, “elixidas polo propio presidente sen sometimiento aos mínimos principios que rexen a contratación pública, sendo o único criterio de contratación un mero acto arbitrario de designación d@s contratad@s por el mesmo”. Os contratos se formalizaron con oito decretos “asinados da súa propia man” en xaneiro, febreiro e marzo de 2010.