Baltar pai comezará a semana sentado ante o xuíz acusado de 104 enchufes na Deputación

Baltar, ex Presidente da Deputación de Ourense

O que durante máis de dúas décadas foi presidente do organismo provincial de Ourense -agora en mans do seu fillo, tamén do PP- será o acusado nun xuízo que comeza esta segunda-feira e no que declararán setenta persoas. Está acusado de contratacións irregulares, relacionadas cun congreso do PP que gañou.

O xuízo ao que foi presidente da Deputación de Ourense durante 22 anos, José Luis Baltar (home forte do PP na provincia e pai do actual titular dese cargo) acusado do delito continuado de prevaricación, terá 70 testemuños de xefes de servizo, alcaldes e algúns d@s 104 contratad@s por el presuntamente de xeito irregular, en determinados casos para gañarse o seu favor e apoio ante un congreso provincial do PP. O xuízo correspóndelle ao Xulgado do Penal número 1 de Ourense pero terá lugar na Audiencia Provincial, por cuestións de espazo, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Na sala e durante cinco días a partir desta segunda-feira, 30 de xuño, José Luis Baltar sentará no banquiño dos acusados nunha vista que contará coas declaracións das testemuñas pedidas polo fiscal, pola acusación exercida polo PSOE -16 alcaldes-, pola do sindicato Manos Limpias e pola defensa. Como pano de fondo, o enchufismo.

O fiscal cre que Baltar contratou a 104 persoas con desprezo absoluto aos mínimos principios que rexen a contratación pública

Segundo o escrito de acusación do fiscal, Baltar pai -o seu fillo herdou o seu cargo- decidiu que a Deputación contratase a 104 persoas cun contrato temporal, “elixidas polo propio presidente sen sometimiento aos mínimos principios que rexen a contratación pública, sendo o único criterio de contratación un mero acto arbitrario de designación d@s contratad@s por el mesmo”. Os contratos se formalizaron con oito decretos “asinados da súa propia man” en xaneiro, febreiro e marzo de 2010.

Excepcionalidade

Ademais, o fiscal considera que as contrataciones fixéronse “con desprezo absoluto” pola Lei das Bases do Réxime Local e vulnerando a Lei de Orzamentos do Estado que prohibe contratar persoal temporal ou funcionari@s interin@s agás casos excepcionais, urxentes e inaplazables “sen que en ningún dos contratos citados quede constatado, nin tan sequera chegue a expresarse, tal excepcionalidade”.

Segundo o relato do Ministerio Público, os contratos tamén se saltaron a ordenanza da Deputación, asinada polo propio Baltar en 2004, que regula a contratación de persoal laboral temporal e que, no caso de ser urxente, “establece a necesidade dunha convocatoria pública” con anuncio no Boletín Provincial ou no taboleiro do organismo provincial, indicando o perfil requirido, tipo de contrato e prazo para presentar currículos.