Bará alerta que o proxecto de Altri non cumpre coa normativa ambiental da Unión Europea

Luís Bará, deputado do BNG, no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego reclamou á Xunta da Galiza que cumpra cos criterios fixados pola normativa comunitaria en materia de emisións industriais. Neste sentido, o deputado Luís Bará vén de presentar unha iniciativa na Cámara galega.

O deputado nacionalista, Luís Bará sinala que “segundo se desprende do Estudo de Impacto Ambiental presentado por Altri, a instalación proxectada incumpriría a Directiva 2010/75/UE xa que na documentación presentada só se cuantifican 4 substancias contaminantes, partículas PM10, óxido de nitróxino, óxido de xofre e TRS”.

Bará desvela que “o Estudo de Impacto Ambiental non prevé os efectos ambientais e para a saúde humana de partículas finas PM 2.5, dióxido de carbono, monóxido de carbono ou compostos orgánicos volátiles, elementos que teñen unha incidencia perxudicial no medio e na saúde humana”.

O responsábel do BNG lembra unha resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) do pasado 25 de xuño, avanzada por Nós Diario, que “ten unha repercusión directa no ámbito da tramitación das Autorizacións Ambientais Integradas. Nomeadamente no caso dun proxecto industrial como o da celulosa proxectada por Altri en Palas de Rei”.

A interpretación feita polo TXUE é de grande relevancia en dous niveis”, indica Bará, “en primeiro lugar no que ten a ver cos requirimentos dos estudos de impacto ambiental que deben facer as empresas e en segundo termo, nas condicións das autorización ambientais por parte da administración competente”.

O deputado do BNG apunta que “a sentenza estabelece que os Estados membros están obrigados a estabelecer que avaliación previa das repercusións da actividade da instalación de que se trate, tanto sobre o medio ambiente como sobre a saúde das persoas, debe formar parte integrante dos procedementos de expedición e revisión dun permiso de explotación da instalación con arranxo a dita Directiva”.

Os permisos de explotación

Bará indica que “a efectos da expedición ou da revisión dun permiso de explotación en virtude de dita Directiva, a autoridade competente debe ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsíbeis á luz da natureza e do tipo da actividade industrial de que se trate

Todas aquelas que sexan obxecto de emisións científicamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación”, continúa Bará, “incluídas as xeradas por esta actividade que non fosen avaliadas polo procedemento de autorización inicial desa instalación”.