O PP reforza a súa lideranza e leve ascenso de En Marea

O PSOE desplómase no CIS mais apenas transfire votos a Unidos Podemos

O PP refórzase como primeira forza, os socialistas caen ao 17% e Unidos Podemos e confluencias pasan ser segunda forza mais sen recoller apenas o voto que perde o PSOE. En Marea rexista un leve aumento.

O PSOE desplómase en intención de voto, caendo até a terceira posición e sendo superado por un Unidos Podemos e confluencias que, paradoxalmente, conquiren a segunda praza sen apenas aumentar apoios e sen ser quen de atraer a sangría de votantes socialistas. O Barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), realizado pouco despois da demisión de Pedro Sánchez, indica que o PP voltaría a gañar as eleccións de se realizar estas agora e con máis vantaxe que o 26 de xuño. Un 34,5 por cento fronte a un 33,03 por cento, case punto e medio máis.

Os socialistas caen perto de 6 puntos a respecto dos comicios de xuño. Do 22,6 por cento que lograron daquela pasarían agora a un 17 e deixan de ser segunda forza, que pasa ser ocupada por Unidos Podemos e confluencias, que suman un 21,8. Porén, esa porcentaxe é practicamente a mesma que UP e aliados obtiveron nas eleccións do 26 de xuño (21,06 por cento). Isto amosa que apenas capta o voto que abandona o PSOE e que o 'sorpasso', de poder chamalo así, é debido unicamente ao descalabro socialista, pois Podemos e confluencias mantéñense nas mesmas porcentaxes que daquela.

Nin UP nin tampouco Ciudadanos son quen de se beneficiar da sangría que sofre o PSOE, que perdería perto de 6 puntos

Unidos Podemos, a alianza entre Podemos, Esquerda Unida e Equo, obtería o 13,7 por cento dos apoios, segundo o barómetro do CIS, 3 décimas máis que o 26 de xuño, cando atinxiu o 13,37. Tamén case sen variacións se mantén En Comú Podem, que obtería un 3,5 por cento dos apoios nas urnas, levemente inferior ao 3,55% de hai catro meses. Aumentaría a porcentaxe de votos a coligazón entre Compromís e Podemos, que obtivo nas eleccións un 2,7 por cento e á que o CIS outorga agora un 3%, tres décimas máis. E tamén rexistraría unha leve suba En Marea. O barómetro dálle un 1,6 por cento de estimación de voto, décima e medio máis que as obtidas por esta marca na cita do 26 de xuño, cando lograra o 1,44 por cento.

Mais se ben o desplome do PSOE non é recollido por Podemos e aliados, tampouco Ciudadanos é quen de pescar nese caladoiro de votantes que viran costas aos socialistas. O partido de Albert Rivera mesmo baixa levemente: 13,05 por cento o 26-X fronte ao 12,8 que lle dá o barómetro.

Soberanismo

As forzas sobranistas manteñen a súa presenza e peso na Cámara. No que di respeito a Catalunya, ERC continúa a medrar e obtería agora 4 décimas máis que nos comicios xerais: 3 por cento agora fronte ao 2,6 do 26 de xuño. A antiga Convergència, agora Partit Demòcrata Català, lograría ter o 1,7 por cento dos votos, perdendo 3 décimas verbo da cita coas urnas de xuño. No que atinxe Euskal Herria, EH Bildu melloraría levemente os seus resultados (do 0,77 por cento ao 0,8), ao igual que o PNV, que lograría 1,3 por cento polo 1,2 de hai catro meses.

O BNG non aparece recollido neste inquérito ao non ter representación nas Cortes Xerais do Estado.