Compromiso fixa para xaneiro un Congreso Nacional ao que non se presentará Xoán Bascuas

xoanbascuasvotando-1474805515

Entende que a formación debe iniciar un novo ciclo político. 

Xoán Bascuas puxo data de caducidade para a súa etapa como secretario xeral de Compromiso por Galicia, o 21 de xaneiro. É a data na que terá lugar o II Congreso Nacional de Compromiso por Galicia, unha cita que a formación sitúa como o comezo dun “reinicio” para chegar “nas mellores condicións ás eleccións municipais de 2019”. Así o decidiu este sábado o Consello Político Nacional de CxG. “É preciso reiniciar o galeguismo. Darlle un contido actualizado, propio dos tempos que nos tocan vivir” sinalou o secretario xeral, Xoán Bascuas.

“É preciso reiniciar o galeguismo. Darlle un contido actualizado, propio dos tempos que nos tocan vivir”

Bascuas informou que non se vai a presentar á reelección, apontando que así é consecuente coa idea da necesidade de comezar un novo ciclo no partido galeguista. De todos os xeitos, Xoán Bascuas, defende a necesidade dunha forza como Compromiso por Galicia "que está chamada a ter unha relevancia social decisiva no país". 

Bascuas levaba dirixindo CxG desde o congreso fundacional da formación, en 2010. Nas eleccións galegas do pasado 25 de setembro tivo 4.030 votos, o 0,28%, un  descenso importante a respecto dos seus resultados na cita de catro anos antes, 2012, cando lograran 14.586 sufraxios, o 1.01%.