As bases de EU elixen Xosé Outes e Saínza Ruíz para @s representar na candidatura de IU a Europa

Afiliad@s e simpatizantes de Esquerda Unida elixiron as persoas que a representarán na listaxe de IU ás europeas en diversos referendos realizados esta segunda feira en diferentes cidades e vilas de Galiza.

Xosé Manuel Outes e Saínza Ruíz son as dúas persoas que representarán Esquerda Unida na candidatura de Izquierda Unida nas eleccións europeas de maio. Outes e Ruíz foron os máis votados pola militancia e simpatizantes de EU nos referendos realizados nesta segunda feira, consultas que puñan o ramo ao proceso de elección de candidatos aberto por Esquerda Unida o 11 de febreiro.

As asembleas de EU propuxeron durante este proceso unha serie de nomes dentro do prazo de presentación de candidaturas. Foron, en total, 13 as persoas propostas: 6 mulleres e 7 homes. A afiliación da formación esquerdista tiña que elexir entre eses nomes a un home e unha muller, que serían os que concorrerán na listaxe electoral de Izquierda Unida.

Outes (Vigo, 1943) é catedrático xubilado de Teoría Economíca da Universidade de Vigo. Ruíz (Ferrol, 1990) é diplomada en Fisioterapia pola Universidade da Coruña. É a coordinadora da área de sanidade local de Ferrol. 

Superar os procesos electorais

Segundo sinala EU, durante os vindeiros días “darase traslado dos nomes ao Consello Político Federal de IU que será quen aprobe a lista definitiva que represente a Esquerda Unida en Europa”.

“Para Esquerda Unida é fundamental abrir os procesos de debate a toda a cidadanía para acadar unha democracia realmente participativa que supere os procesos electorais”, indican, e engaden que “é evidente que as decisións que se toman en Europa padecémolas a diario, e de nós depende mudar o escenario ao que nos queren condenar”.