EH Bildu aplaude a proposta do BNG dunha coligación para as europeas e a CUP decidirá en marzo

A formación da esquerda abertzale pula polos principios do dereito a decidir dos pobos e a xustiza social como alicerces da coligación que concorrerá á cita do 25 de maio. Pola súa banda, a CUP decidirá o 9 de marzo se vai se presentar á cita das europeas. De ir, informa Ara, a única opción que contempla é a alianza con BNG e Bildu.

Eh Bildu acolleu con satisfacción o paso dado polo Consello Nacional do BNG este sábado, ao propoñer á militancia concorrer ás europeas nunha coligación coa formación da esquerda abertzale e a Candidatura d´Unitat Popular (CUP). “EH Bildu quere dar a benvida á decisión do Consello nacional do BNG”. Con esta frase inicia a formación independentista basca o comunicado.

Para EH Bildu, o paso da fronte nacionalista permite deseñar unha “coligación amplia” para a cita do 25 de maio. Neste sentido, Bildu sostén que esa coligación debe alicerzarse en base a dous eixos ou principios básicos: a defensa do dereito a decidir das nacións e a xustiza social.

A CUP, en marzo

A CUP non decidirá até o 9 de marzo se concorre ás europeas. Así o decidiu este sábado un consello político extraordinario da formación catalá, segundo informa ARA. A decisión adoptarase após escoitar a militancia e simpatizantes en asembleas de base abertas, ademais de consultar as posibilidades con xente de formacións da esquerda independentista.

As dúas opcións que van estar sobre a mesa serán a de non acudir a esta cita ou ben facelo en coligación co BNG e EH Bildu, desbotándose outras vías, segundo ARA.

A militancia decide

A proposta do Consello Nacional do BNG pasará agora a ser debatido e votada nas asembleas comarcais pola militancia, que será quen teña a última palabra a este respecto. A xuntanza do órgano deste sábado tamén aprobou a candidatura da fronte á cita coas europeas do 25 de maio (encabezada por Ana Miranda) e o programa.