DECLARACIóNS DE BEIRAS

"Se é unha unidade popular, non pode haber ningún partido que apareza como protagonista"

Xosé Manuel Beiras

O portavoz nacional de Anova considera que aínda hai marxe para unha candidatura unitaria galega. “Non pensedes que isto está acabado, aínda ten que dar voltas”.

 

O portavoz nacional de Anova criticou que algunha formación procure ser protagonista nos procesos de 'unidade popular', unha afirmación que semella dirixirse a Podemos e a súa decisión de que o seu nome e logo figure nas papeletas para a cita coas urnas 20 de decembro. Xosé Manuel Beiras, nunhas afirmacións feitas após a Xunta de portavoces do Parlamento e recollidas pola axencia EFE, manifestou que “se é unha 'unidade popular' non pode haber ningún partido que apareza como protagonista, pois iso é incongruente coa índole do suxeito que se está a construír, plural e diverso”. Nesta liña, sinalou que “todos os que estamos aí, sexa quen for, temos que estar como motores conxuntamente, mais sen pretender que ningún de nós apareza como titulares de alternativa, nin como cotitulares tampouco”.

Beiras dixo que “non ter claro que aquí hai un inimigo principal” implica “poñer paos nas rodas” e dificultar “un cambio político serio”. Sobre a candidatura galega, dixo que “seguimos traballando como Anova e con EU a prol de que calle un acordo que abranga todo o espectro” e considerou que aínda hai marxe para unha candidatura unitaria galega.