Beiras di que EU está a facer ''todo o posíbel'' para que Sueiro ''entre en razón''

Nunha entrevista na Cadena Ser, o líder de Anova nega "discrepancias" no seo de AGE e atribúe a actitude da número dous por Ourense de Esquerda Unida, Carmen Iglesias Sueiro, a "o comportamento dunha persoa que non asome os acordos".


Malia que o seu socio na coligación AGE, Esquerda Unida, non lle comunicou aínda o resultado da reunión do seu Consello político nacional, o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, defende que a formación de Yolanda Díaz está a facer "todo o posíbel" para que a número dous por Ourense, Carmen Iglesias Sueiro, "entre en razón" e renuncie á acta de deputada.

Sueiro é a primeira na listaxe para substituír David Fernández Calviño, que manifestou a súa intención de abandonar o Parlamento galego para aceptar unha bolsa de investigación en Dinamarca. Se non renuncia Sueiro, a coligación ficaría máis descompensada aínda --agora mesmo 4 deputad@s son de Anova e 5 de EU--, pois nas bancadas da Cámara sentarían seis militantes de Esquerda Unida e só tres da formación de Beiras.

Beiras di que na enquisa de 'La Voz de Galicia' sobre intención de voto "había unto (da Xunta) por debaixo" 

Porén, nunha entrevista concedida á Cadena Ser, nega "discrepancias" no seo de Alternativa Galega e di que o comportamento de Sueiro é "o dunha persoa que non asome os acordos en que se baseaba a coligación e antepón o seu interese persoal por riba da actitude propia de quen critica a política institucional".

Noutra orde de cousas, tamén se referiu Beiras ao inquérito publicado recentemente por La Voz de Galicia a respeito da intención de voto d@s galeg@s. Dixo que a enquisa está "manipulada" e que había "unto por debaixo" da Xunta a esta empresa de comunicación á hora de publicar os resultados, que lle dan un incremento de escanos a AGE, mais tamén ao Bloque.

Porén, el repetiu que a súa coligación con Esquerda Unida "é a única que sobe" -o que en rigor non é certo: a respeito dos dados dun barómetro anterior, o BNG incrementa un escano, mentres AGE baixa dous- e acusa a formación frontista de continuar a pensar "que é a centralidade da alternativa no proceso de emancipación nacional, e xa non o é".