O ex deputado da CUP David Fernàndez participa na presentacón

Beiras pon en marcha o Obradoiro de Ideas Láncara

Xosé Manuel Beiras nun acto de Anova.

Será o máis semellante que haxa a un think tank que haxa na órbita de Anova. O Obradoiro de Ideas Láncara preséntase esta terza feira 29 de maio en Compostela. Estarán o seu impulsor, o dirixente de Anova Xosé Manuel Beiras, e mais o ex deputado da CUP David Fernàndez.
 

Segundo o comunicado de prensa en que anuncian a súa creación, o obradoiro procurará “a formación dunha cultura republicana e solidaria, a análise da situación socio política en Galiza e o coñecemento de experiencias emancipatorias en todo o mundo”. No primeiro ano centrarase, indican fontes de Anova, nunha “análise das modificacións lexislativas e das decisións políticas dos gobernos de Feixóo”.

 

Para realizar as súas tarefas, este “laboratorio de ideas” formará un equipo multidisciplinar. Láncara toma o seu nome da Declaración de Láncara, o discurso co que Xosé Manuel Beiras recibiu, en 2005, o premio Ramón Piñeiro Facer País e na que repasaba os seus principios políticos.

 

No acto desta terza feira -ás sete do serán na Facultade de Filosofía-, Beiras repasará “o momento político actual de recorte de dereitos e de avance do xiro autoritario do Réxime do 78”. Pechará a sesión, conducida por Antía Comesaña, David Fernàndez, quen exporá a súa visión sobre a etapa en curso do proceso soberanista en Catalunya.