SOBRE UN ACORDO CON AGE. "É ALGO QUE NON SE PODE RESOLVER AGORA"

Bescansa salienta en Compostela que Podemos concorrerá ás autonómicas coa súa propia marca

carolina bescansa

A decisión foi adoptada no Consello Cidadá e está pendente de ser validada polas organizacións territoriais do partido.

 

Podemos concorrerá ás eleccións autonómicas no Estado español e farao con marca propia. Así o manifestou Carolina Bescansa, membro da dirección do partido e secretaria de Análise Político e Social, durante a súa comparecencia nos almorzos on off organizados polo Colexio de Xornalistas da Galiza. Bescansa sinalou que o Consello Cidadá dera o visto bo a este paso, que está, porén, pendente de ser ratificado ou validade pola organización en Galiza.

No que atinxe ás alianzas, Bescansa non quixo comprometer un eventual acordo coas forzas que constitúen AGE -Anova e IU- e botou balóns fóra: "É algo que non se pode resolver agora", senón no momento "procesual" oportuno. En todo caso, enfatizou, a decisión final vana tomar os "círculos" galegos. Tampouco esclareceu nada a dirixente de Podemos sobre a hipotética integración da súa militancia en plataformas como as Marés. Dixo que iso é algo que aínda está por decidir. Cumpre lembrar que recentemente a formación de Iglesias se posicionou a prol de non ir a acordos xenéricos nen con Marés nen con Ganemos.

Tampouco esclareceu nada a dirixente de Podemos sobre a hipotética integración da súa militancia en plataformas como as Marés

No que atinxe ás enquisas, Carolina Bescansa mostrou a “cautela” de Podemos á hora de telas en conta e optou por se centrar nas “tendencias” que poden desprenderse das sondaxes e estudos demoscópicos e que apuntan, engadiu, á posibilidade dun cambio, que ese cambio “é posíbel”.

A secretaria de Análise Político e Social de Podemos tamén considera que é factíbel que se dea unha coligazón entre PP e PSOE, lembrando que esta posibilidade xa foi apuntada por Felipe González e Dolores de Cospedal.