Carolina Bescansa: “Esquerda-dereita e nacionalismo español-periférico, nós non xogamos aí”

Imaxe: @senhorgriso

A número 3 de Podemos estivo en Compostela onde participou nun acto con Martiño Noriega (Compostela Aberta). “Nós non xogamos a ser forzas bisagra, vimos crear unha maioría para un cambio real".

 

Carolina Bescansa, secretaria de Análise Político e Social de Podemos, formación da que se lle considera o seu número 3, volveu esta sexta feira á súa cidade natal de Santiago para participar nun acto co candidato á alcaldía por Compostela Aberta, Martiño Noriega, plataforma da que fai parte o partido de Pablo Iglesias. Bescansa estivo antes nun acto organizado por Podemos para despois asistir ao de CA.

Nun discurso que xa é clásico do argumentario de Podemos, Carolina Bescansa refugou nesta visita a Galiza non só dos eixos dereita e esquerda senón tamén de se posicionar no nacionalismo e centralismo, afirmando que estes foron “os piares nestes 35 anos”, desde a Transición, e que o seu partido “aí non xoga”. Díxoo no acto organizado por Podemos, onde reclamou para este partido o papel da forza “da xente normal”. Así, afirmou que “as campañas séntannos ben, porque a xente normal ve que nós tamén somos xente normal”. Fronte a iso contrapuxo o bipartidismo, que está a xogar a carta, asegurou, de intentar convencer á cidadanía que “todos somos iguais” e que “a corrupción é consustancial á natureza humana". De feito, asegurou, "o maior inimigo do cambio político é a lectura de que son todos iguais".

A número 3 de Podemos tamén manifestou que Podemos e o ‘municipalismo’ non teñen intención de ser “forzas bisagra nin recambios”, senón que veñen “crear unha maioría para un cambio real".

Martiño Noriega, pola súa parte, defendeu as candidaturas cidadás como "lugares de encontro nos que xuntarnos toda a xente que queremos un cambio" e mostrouse convencido de que CA vai ser a verdadeira sorpresa o día das eleccións. "As candidaturas cidadás son a resposta á indecencia dos nosos gobernantes"