Bescansa presenta a súa candidatura sen apenas referencias a Galiza
Na Galiza, os de Errejón só optan a escanos pola Coruña e por Pontevedra. Bescansa apelou a que a súa proposta é a que posibilitará que “non se abra unha formación dun goberno reaccionario”. Falou do “despropósito” dos últimos meses, en referencia ás negociacións fallidas entre o PSOE e Podemos -o seu antigo partido- para formar goberno.
Carolina Bescansa definiu a súa lista como a de “xente comprometida cunha longa tradición de traballo polos dereitos da xente” e prometeu que intentarán “pór en marcha unha transformación do modelo produtivo e do mercado de traballo co ecoloxismo como eixe” para así “pechar a ferida social”. Desde que anunciou o seu novo partido, Errejón insiste na vía ecoloxista, que coincide coas cada vez máis numerosas protestas contra a inacción política contra o cambio climático.
Preguntada polas expectativas da candidatura, afirmou que “o sentido común vai levar ás institucións aquelas persoas comprometidas con non usar o apoio electoral para bloquear, senón para construír”.