Besteiro chama a unir o voto progresista: "O PSdeG é o adversario incómodo do PP"
Os socialistas fecharon as súas candidaturas sen sorpresas. O Comité Nacional do PSdeG deulle o visto bo esta terza feira ás listas coas que concorrerán aos comicios galegos de 18 de xullo. As mesmas responden á actual maioría que dirixe o partido desde o congreso de decembro de 2021.
A candidatura do PSdeG en Ourense estará, finalmente, encabezada por Carmen Rodríguez Dacosta. Apoiada pola dirección galega do partido, ocupa así o posto que os socialistas ourensáns tiñan reservado para a actual parlamentaria Marina Ortega, a candidata acordada por unanimidade pola Executiva do partido na circunscrición e que contaba co apoio maioritario da militancia.
A saída de Ortega das listas socialistas atribúese ao seu aliñamento con Gonzalo Caballero. De feito, foi unhas das persoas máis próximas e fiel ao anterior secretario xeral do PSdeG, que tamén resultou excluído das candidaturas malia contar co aval unánime da militancia do partido en Vigo. A caída das listas de Ourense de Ortega levou a exdeputada galega, Noela Blanco, a renunciar a facer parte das mesmas.
As candidaturas socialistas estarán lideradas na Coruña por Patricia Iglesias, en Lugo por José Ramón Gómez Besteiro, en Pontevedra por Elena Espinosa e en Ourense pola xa referida Carmen Rodríguez Dacosta, que estará acompañada no número dous polo antigo alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, e pola ex concelleira da cidade das Burgas Aurea Soto.
A aprobación das listas formalizouse na reunión desta terza feira do Comité Nacional do PSdeG, onde o candidato da formación á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamado “ás persoas progresistas que fai seis ou sete meses botaron por nós para que a dereita non chegara ao Goberno de España e ao Goberno de moitos concellos da Galiza e, tamén, de España”. Nese sentido, reclamou “esa mesma confianza para botar fóra a dereita do Goberno da Galiza”.
Gómez Besteiro definiu o PSdeG como “o adversario incómodo do Partido Popular”, e sinalou que “só cun Partido Socialista forte e altamente referendado polas urnas é posíbel na Galiza se produza ese cambio político”.