Besteiro denuncia os "15 anos de brazos caídos" da Xunta ante o reto demográfico

Gómez Besteiro, este sábado. (Foto: PSdeG)

O PSdeG inicia en Celanova o ciclo “Diálogos con Raíz”.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou o ciclo ‘Diálogos con Raíz’ centrado no reto demográfico, que constitúe “o maior problema da Galiza” e por iso é un dos alicerces das políticas e das propostas socialistas, dixo.

Besteiro clausurou este sábado a primeira das xornadas do ciclo organizado polo PSdeG. Criticou o desleixo do Goberno galego en materia demográfica, logo de 15 anos de xestión “de brazos caídos, sen presentar medidas decisivas e reais para afrontar un problema de primeira orde”, cando Feijóo “miraba para outro lado mentres a Galiza partía en dous, a dúas velocidades”, cun modelo que “Rueda perpetúa”.

Sinalou que a Lei de Impulso Demográfico de 2020 demostrouse un fracaso ao ser concibida como un instrumento “claramente insuficiente” que nin sequera tivo o desenvolvemento necesario, limitándose a unha acción “para a galería”.

Máis dunha década de xestión do PP á fronte do goberno, dixo, “non serviu máis que para acentuar as diferenzas da Galiza de dúas velocidades”, ao desmantelar os servizos públicos no rural dividindo os galegos “de primeira e de segunda”.

 Reivindicou que “cada galego e galega, cada cidadán de cada pobo e de cada cidade, debe ter os mesmos dereitos e liberdades, e o goberno autonómico ten a obriga de garantir que así sexa”.

Aproveitou a súa intervención en Celanova para defender a fixación de poboación no rural, que permite “manter a cohesión territorial”, manter o coidado do territorio por exemplo fronte aos incendios forestais e garantir a eficiente distribución de servizos.

Reclamou o fortalecemento dos servizos públicos como elemento fundamental para vinculas ás persoas ao territorio, garantindo dotación de profesionais na sanidade e no ensino e o investimento na rede de transporte comarcal.

En cando ao modelo de financiamento, o responsábel socialista cualificou de “imprescindiíbel” coñecer a realidade do elevado número de pensionistas con respecto dos cotizantes, que fan da Galiza unha comunidade beneficiaria neta, dixo, do sistema público de pensións. Advertiu así que o concerto fiscal propio “non ten sentido ningún”, ademais de que “resultaría un desastre económico para o país”.

Xornada

Besteiro foi o encargado de clausurar unha xornada que fora inaugurada polo alcalde de Celanova, Antonio Puga, e contou con dúas mesas de debate moderadas polo secretario provincial de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, e o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso. Asistiron como ponentes o secretario xeral de Reto Demográfico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Francisco Boya, ou o presidente da Cámara de Melgaço, Manuel Batista.

Tamén participaron a concelleira de Igualdade de Celanova, Teresa Barge, a investigadora do CSIC sobre iniciativas no eido rural, Carmen Martínez, a catedrática de Socioloxía da UDC, Laura Oso, e a catedrática de Historia da Economía da USC, María Xosé Rodríguez Galdo.