Besteiro exixe a comparecencia de Rueda no Parlamento para explicar o "malgasto" de 470 millóns no Cunqueiro

José Ramón Gómez Besteiro, este sábado, na Feira do Bonito de Burela (A Mariña). (Foto: Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG afirmou este sábado que para o Partido Popular a sanidade pública é “un negocio inmobiliario”.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, informou este sábado de que o grupo parlamentario socialista rexistrou unha batería de iniciativas en relación co "sobrecusto e outras irregularidades" na licitación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e avanzou que enviará unha carta ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, na que demanda a súa comparecencia urxente no Pleno por este asunto.

Tras coñecerse a pasada cuarta feira o Informe de Fiscalización do Contrato de Concesión do centro hospitalario vigués publicado polo Consello de Contas, que conclúe que sería máis eficiente licitar a obra e os servizos do centro por separado, e non conxuntamente como levou a cabo a Xunta —na altura, con Alberto Núñez Feixoo como presidente—, xa que suporía un aforro de máis de 470 millóns de euros (IVE incluído), Besteiro volveu sinalar que este documento confirma que o contrato foi "un desastre financeiro e administrativo" que causou "graves prexuízos" á cidadanía galega.

Así mesmo, en declaracións aos medios antes de asistir á Feira do Bonito de Burela (A Mariña), cualificou de "inaceptábel" o sobrecusto, debido a "malas decisións" ás que se une unha "total falta de transparencia" no proceso de licitación.

"Falamos de case 500 millóns de euros tirados ao lixo", lamentou o líder do PSdeG, que remarcou que se trata de diñeiro "de todos os galegos" que foron "malgastados de maneira irresponsábel".

Carta a Rueda

Ademais das iniciativas rexistradas na Cámara galega, Besteiro avanzou que enviará unha carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na que demanda a súa comparecencia urxente no pleno, así como a do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na comisión de Calidade Democrática e Transparencia.

Insistiu tamén en que Feixoo, presidente cando se licitaron as obras, e Rueda, como vicepresidente nese momento, "non poden seguir escondéndose" e deben dar explicacións sobre "o malgasto" de 470 millóns de euros.

Neste sentido, afirmou que "non se pode xustificar o inxustificábel", en referencia ás declaracións realizadas esta sexta feira polo conselleiro de Sanidade.

Así, Besteiro defendeu que durante a pandemia da Covid-19 o presidente do Goberno español "tomou as decisións que había que tomar" e os profesionais sanitarios "deixaron a pel". Por iso, manifestou que dicir que "as obras combateron a Covid-19 é repetir o mantra de Ayuso co Zendal" e deixar claro que "para o PP, a sanidade é un negocio, neste caso, inmobiliario".