28-M

Besteiro apoia un Iván Puentes que "marca a estratexia para a Pontevedra do futuro"

José Ramón Gómez Besteiro e Iván Puentes. (Foto: Nós Diario)
O alcaldábel socialista e actual concelleiro na corporación municipal presenta as súas propostas acompañado do delegado do Goberno estatal na Galiza.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou esta terza feira en Pontevedra que a reforma do Nó de Bombeiros, que suporá a construción dunha ligazón directa entre a Ponte das Correntes e a autoestrada AP-9 ao seu paso pola cidade do Lérez, "é unha realidade en marcha" pola que levan "máis dunha década esperando" e á que xa se presentaron 13 ofertas.

En declaracións aos medios no decurso dun acto de apoio ao candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Pontevedra, Iván Puentes, Gómez Besteiro destacou a importancia desta infraestrutura que desconxestionará de tráfico o actual cruzamento, mellorando a seguridade viaria e a mobilidade en toda esta zona.

Segundo detallou, un total de 13 empresas ou sociedades mixtas presentaron ofertas para ser as adxudicatarias do contrato para a remodelación desta ligazón: "É unha boa noticia que mostra o compromiso socialista".

O delegado do Goberno tamén reafirmou o "compromiso" con outros proxectos propostos polo candidato socialista, como o denominado 'Pontevedra Flúe'. Tal e como lembrou Puentes, trátase dun "proxecto de reforma e integración do río e dos espazos naturais polo que o Goberno manifestou o seu compromiso para executalo e facelo realidade".

"É un proxecto que marca unha época e así o poñen de manifesto as mellores consideracións recibidas por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica", engadiu Gómez Besteiro.

Aliás, Puentes insistiu en que "o Partido Socialista presenta proxectos e chama a todas as portas precisas para conseguir os seus compromisos e obxectivos para a cidade", unha actitude que contrapuxo cun goberno "que non sae dos despachos do Concello e que non ten interlocución coas demais administracións nin ten vontade de facelo".

Defendeu un estilo de goberno centrado na "colaboración co resto das administracións públicas", unha "vontade de boa relación coa Xunta que non se ve correspondida", e lembrou que esta mesma semana tivo que ser a Zona Franca quen asumise a ampliación de 200.000 metros cadrados do Polígono Industrial do Campiño porque a Xunta "negouse a atender a petición unánime do pleno de Pontevedra".