O bipartidismo marca a súa liña vermella e veta a Lei de consultas populares

A Proposición de Lei presentada polo BNG foi rexeitada cos votos de PP e PSdeG. Os populares acusaron á iniciativa de procurar ''un cambio do sistema político español'' e os socialistas votaron en contra en Galiza do que votaron a prol en Catalunya. AGE e Grupo mixto apoiaron a proposición do Bloque.

 

O BNG presentou unha proposta lexislativa que tiña por obxecto recoller o dereito de Galiza a convocar referendos populares naqueles asuntos de interese xeral en que se queira pulsar a opinión da cidadanía ou mesmo que esta teña capacidade para exixir a convocatoria dunha consulta. En palabras do portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, un paso adiante por 'radicalizar a democracia' no sentido de procurar 'que a democracia bote raíces'. Mais esas raíces terán que esperar. PP e PSdeG fixeron fronte común, sumaron os seus votos e impediron que a proposición non de lei (que si tivo apoio de AGE e grupo mixto) saíse adiante.

Jorquera (BNG): "Vostedes utilizan a Constitución española en contra de Galiza"

Jorquera defendeu a importancia de profundizar na participación cidadá e lembrou que “a democracia española non se caracterizou precisamente por unha profusión nas consultas ou referendos: houbo menos que baixo o franquismo”.

“Vaia caca de Constitución”

Jorquera lamentou que “o PSdeG vote aquí en contra do que o PSC votou a favor en Catalunya” e dixolle o Partido Popular:”Vostedes utilizan a Constitución en contra de Galiza”, para engadir que “Se a súa visión da Constitución é a única, restrictiva, a da lei do funil..vaia caca de Constitución”.

Beiras (AGE):"Pasouse dun constitucionalismo democrático a un constitucionalismo oligárquico"

Carme Iglesias (do Grupo Mixto) dixo que apoiaba a proposición porque a situación actual é de “pseudo-democracia”. E puxo como exemplos que decisións de envergadura como “declarar guerras, privatizar empresas...” se adoptaron de costas á cidadadanía.

Xosé Manuel Beiras (AGE), manifestou na súa quenda que se estaba a pasar “dun constitucionalismo democrático e garantista de dereitos sociais a un constitucionalismo oligárquico. Interpretado e modificado con criterios oligárquicos nun proceso deconstituínte”. O portavoz de Alternativa anunciou o apoio á proposición de lei do BNG, mais apuntou á conveniencia de introducir mecanismos conducentes á posibilidade de mandatos revogatorios: “ Que o poder investido, en cada lexislatura, se someta a exame nunha consulta popular”.

Caamaño (PSdeG):"Mentres que a Constitución diga o que di, debemos manternos dentro do marco que ela establece"

PP, PSOE e a Constitución

Francisco Caamaño tomou a palabra no debate en representación do PSdeG: Se ben comezou afirmando que en democracia, cando non se escoita, os cidadáns procuran un xeito de se facer ouvir” quixo deixar claro que “mentres a Constitución diga o que di debemos manternos dentro dos marcos que ela establece. Non por reverencia, senón porque a mellor maneira de defender a democracia é defender a Constitución”. E os socialistas votaron en contra da proposición de consultas populares.

O Partido Popular expresou o seu rexeitamento total á iniciativa da fronte nacionalista por boca de Pedro Puy. “Non é unha lei de consultas, é un cambio do sistema político español”, aseverou o portavoz do grupo parlamentar popular.

Puy: "Votamos non en apoio os que hoxe no Congreso van defender a Constitución"

Afirmou que esa proposición de lei non é constitucional, “nen sequera oportuna”, e mesmo chegou a xustificar a posición do PP de Galiza en que “votamos non para apoiar aos que hoxe no Congreso van defender a Constitución”. Unha referencia clara o debate sobre o proceso soberanista catalán que nesta terza feira se vai vivir no Congreso español.