O Bloque solicitará no Congreso quitar a peaxe entre Redondela e Vigo

peaxe

Fernández Davila e Rosana Pérez consideran que ese cobro "prexudica a actividade económica do sector do transporte e afecta ao Porto da cidade, así como á cidadanía da comarca". 

 

A portavoz do BNG no Congreso d@s Deputad@s, Olaia Fernández Davila, e a deputada do Bloque na mesma Cámara, Rosana Pérez, presentaron unha iniciativa parlamentar e unha proposición non de lei na que instan á Ministra de Fomento a "realizar as xestións oportunas para proceder á eliminación da peaxe no pequeno tramo comprendido entre Vigo e Redondela".

Segundo as deputadas nacionalistas, "Trátase dun cobro que prexudica á actividade económica do sector do transporte de contenedores e mercadorías que opera no Porto de Vigo así como aos habitantes da zona". As representantes do BNG salientan o "oneroso que resulta o cobro da peaxe por circular por un pequeno e anecdótico tramo situado entre Vigo e Redondela, apenas catro quilómetros polos que se debe pagar 0,90 euros”.

A forza nacionalista explia que "para evitar o pagamento desta peaxe os conductores están obrigados a facer unha ampla excursión que lles leva a atravesar Chapela polas rúas e estradas perdendo máis de media hora no tránsito", polo que demandan unha solución ao Goberno central.