O BNG acusa Feixoo de finalizar 2021 "coa atención primaria colapsada"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG (Nos Diario)
Ana Pontón, portavoz do BNG,contestou ao discurso de fin de ano do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recriminándolle a situación da sanidade pública galega. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recriminoulle ao presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo terminar o ano coa atención primaria colapsada e asegurou "que non fixo nada para reforzala".

Na súa valoración do discurso de fin de ano, Pontón aseverou que "os sanitarios están  exhaustos e necesitan máis que boas palabras".

A líder nacionalista tamén lamentou que o 2021 feche coa atención primaria nesta situación e achacouno a que contan con "menos recursos que cando Feixoo chegou ao Goberno".

Pontón replicou ao presidente da Xunta que "o primeiro paso para solucionar os problemas do país é admitir que existen en lugar de negalos".

Para a líder do BNG “un ano máis, vemos que os problemas cos que empezamos non se solucionan senón que se agudizan", alegou.

Da mesma maneira, sinalou o que son, segundo a portavoz dos nacionalistas, outros dos problemas da Galiza como a emigración xuvenil, o sistema das residencias de maiores e o descoñecemento sobre en que se investirán os fondos 'Next Generation'.

Porén, Pontón quixo dar unha mensaxe de optimismo dicindo que "as galegas e os galegos demostraron que son capaces de estar a altura e de dar o mellor na adversidade e nas dificultades e esa é a mellor base para poder encarar o 2022".