O BNG acusa a Xunta de permitir o "empobrecemento masivo" da sociedade galega ante a suba "histórica" da inflación
A portavoz de Economía do grupo parlamentario do BNG, Noa Presas, culpou esta sexta feira o Goberno do Partido Popular de permitir o "empobrecemento masivo" da sociedade galega ante a suba "histórica" da inflación.
Estas declaracións producíronse esta sexta feira logo de que o INE fixese públicos os datos do IPC, que sinalan en xullo unha suba deste indicador na Galiza de 11,5% en comparanza co mesmo mes de 2021. Así, o país anotou a súa maior inflación desde setembro de 1984.
Ante esta situación, Presas apuntou que desde a formación nacionalista están "preocupados" pola resposta dos populares. "Preocúpanos ver que ante a maior crise de prezos desde hai 38 anos, a resposta do PP sexa permitir o empobrecemento e acompañalo dun recorte de dereitos e de servizos públicos", asegurou.
"O Goberno do PP aproveitou este escenario para meter a tesoira en sanidade e ensino público", afirmou a deputada do Bloque, que tamén resaltou a "multiplicación" das queixas de sanitarios e usuarios do servizo e as "dimisións en masa" producidas no eido educativo.
A preguntas dos medios de comunicación sobre a alternativa que defendería o BNG, Presas contestou que o "necesario" na Galiza é unha reforma fiscal: "O Goberno vai na dirección contraria; hai que gravar máis impostos ás rendas máis altas e alixeirar ás máis baixas".
Incendios
Por outra parte, Presas puxo o foco sobre a vaga de incendios que está a arrasar o país, con máis de 41.000 hectáreas queimadas até o momento segundo os últimos datos facilitados pola Xunta, sumados aos de xullo.
Neste senso, a parlamentaria denunciou o "absentismo" do Goberno galego. "O PP descansa a súa política de prevención e extinción no tempo en confiar en que chova", aseverou.
Por iso, instou o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, a convocar un "gabinete de urxencia" para activar máis medidas de prevención, vixilancia e extinción.