O BNG aposta no relevo xeracional na súa proposta de dirección para a XVI Asemblea Nacional 

(Foto: BNG)

O máximo órgano entre asembleas aprobou os textos que serán sometidos a debate e votación a próxima fin de semana na Coruña baixo o lema 'En Bloque cara a un tempo novo'.

O Consello Nacional do BNG presentou esta sábado a súa proposta para a nova dirección da fronte apostando polo relevo xeracional, cunha porcentaxe moi elevada de mulleres e de responsábeis municipais. Unha candidatura, elaborada en base aos 137 nomes propostos pola militancia, aprobada sen votos en contra cara á XVI Asemblea Nacional, que celebrarán os próximos 25 e 26 de marzo na Coruña baixo o lema 'En Bloque cara a un tempo novo'.

A lista está encabezada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na que se incorporan nomes como Ana Miranda, Xavier Campos, Olalla Rodil, Luís Bará, Eva Vilaverde e Susana Camba á futura executiva nacional.

Unha candidatura que conxuga a renovación xeracional con Noa Presas, Olaia Ledo, Xosé Manuel Marcote, Xosé Emilio Vicente ou Rubén Cela, xunto coa experiencia de persoas como Xosé Luis Rivas “Mini”, Goretti Sanmartin, Carme da Silva, Néstor Rego, Obdulia Diniz, Bieito Lobeira ou Montse Prado. O prazo para presentar outras candidaturas estará aberto até o día 20 ás 19 horas.

O Consello Nacional aprobou tamén as teses políticas, principios organizativos, regulamento e informe de xestión que serán debatidos na próxima Asemblea Nacional. Uns textos nos que participaron miles de persoas en todo o país e que, segundo a fronte, conta cun “consenso moi amplo das bases, sen que se tivesen formulado emendas a totalidade nin ningún voto particular aos textos”.

“A pretensión é ir máis aló do espazo dun partido político para favorecer a creación dun espazo de activismo político e social"

Destaca das teses políticas a 'Estratexia Galiza Avanza 2017-2020', unha folla de ruta coa que esperan actualizar as ferramentas para abordar de xeito integral as necesidades e desafíos do país. “A pretensión é ir máis aló do espazo dun partido político para favorecer a creación dun espazo de activismo político e social, un 'anel nacionalista' que sexa un espazo de coordinación e de iniciativas comúns das organizacións políticas, sociais e culturais do nacionalismo”, segundo apuntan en nota de prensa. 

Un total de 2.400 persoas están inscritas para participaren na XVI Asemblea Nacional, unha “asemblea de portas abertas” na que podan participar todas as persoas.