O BNG marca como obxectivo "zouparlle" á Troika mais tamén conquistar a soberanía"

1.200 persoas participan no que supuxo o primeiro gran acto de campaña para o Bloque, no que Xavier Vence cargou contra as "políticas inhumanas do PP" e a candidata Ana Miranda afirmou que "é un desperdicio votar a forzas estatais que marxinan Galiza".

O Auditorio de Galiza ficou pequeno para o Encontro Nacional do BNG, no que representou o comezo real da campaña das eleccións europeas que se realizan o 25 de maio. Centos de simpatizantes nacionalistas acudiron ao acto, que puxo en valor a candidatura galega que encabeza Ana Miranda e tamén foi moi crítico co neoliberalismo e perda de soberanía que, segundo o Bloque, define a Unión Europea.

O evento comezou coa intervención do debuxante Xosé Lois O Carrabouxo, que pediu “cambiar Europa” namentres xunto a el a actriz -e candidata do BNG- Isabel Risco afirmou que cómpre “levar ao Bloque a Europa para non ter que ir emigrar alá”. O humor crítico dominou o comezo do Encontro, que axiña atopou resposta entre @s asistentes cando se sinalou que “España e Alemaña teñen unha tendencia depredadora”.

Suso Domínguez foi o seguinte en tomar a palabra, cunha frase demoledora: “Pasei de ser insubmiso a ser os das preferentes”. Afectado polo calote bancario, o tamén candidato nacion

alista definiu o Bloque como “ferramenta indispensábel para loitar na rúa e nas institucións contra o roubo da banca”. Despois, Vitoria Louro resumiu o seu sentir cunha simple declaración (“son nacionalista e feminista”) que obtivo enormes aplausos. “O capitalismo é amigo do patriarcado”, asegurou.

Pola súa parte, Xavier Aboi, responsábel da CIG Mar e portavoz dos afectados pola falta de acordo pesqueiro con Mauritania, queixouse de que “chamen delincuentes aos que traballan no cerco”, reivindicación dos sectores produtivos moi presente durante todo o acto. Despois, evidenciando o renovado drama da emigración na mocidade, participou desde Italia, cun audiovisual, Iago Lestegás, militante de Galiza Nova, que culpou a PSOE e PP da “falta de traballo na terra propia”.

"Se a mentira fora delito, eles serían a cadea perpetua", di Vence en alusión ao PP

Falou tamén Alba Castanedo, que reivindou a educación como arma do cambio e berrou contra a resignación, e o escritor Suso de Toro, que reafirmou o seu compromiso coa potencialidade do país, ao que lle engadiu referencias á militancia no sindicalismo agrario e nacionalista. E defendeu o idioma. “Elixín para escreber o galego, a única lingua de Galiza. Queiran ou non, somos unha nación”.

Mocidade

Co Auditorio encendido, Olalla Rodil -número tres da candidatura- insistiu en que 118.000 mozos e mozas tiveron que emigrar expulsadas de Galiza”. “Non hai complexos, non aceptamos mentiras”, recalcou, facendo tamén unha defensa do rural, especialmente afectado polas políticas europeas. O seu discurso dou paso á actuación d'Os Tres Trebóns, que fixeron cantar aos presentes: “Non temos medo, temos fame”.

Co recinto posto en pé e ao berro de “Galiza ceibe, poder popular”, foi o número dous da listaxe do BNG, Xosé Manuel Carril, que denunciou a “Europa dos lobbies” e asegurou que “a alternativa está na soberanía”. Foi a quenda despois do portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, que destacou o perfil d@s 19 candidat@s da súa organización e destacou o seu combate “contra as políticas inhumanas do PP”, ao que se refiriu dicindo que “se a mentira fora delito, eles serían a cadea perpetua”. Ademais, retrucou a Feijóo chamándoo “irrelevante”.

Miranda

“Queremos zouparlle ao PP e a Troika, mais non só iso, queremos a soberanía”, engadiu Vence, na intervención anterior á da cabeza de lista do BNG, Ana Miranda. Sen disimular a emoción, a que foi eurodeputada na anterior lexislatura -“a única que non estivo de “miranda”, chanceou o Carrabouxo- puxo énfase en afirmar que “o Bloque non está co pobo; é o pobo”.

"Somos os da casa, non temos que chamar a Rajoy, a Rubalcaba ou Cayo Lara, só atendemos a chamada do pobo galego”, dixo Ana Miranda

“Somos a Galiza rebelde, se nós estamos, Galiza está”, engadiu a candidata nacionalista, que se negou a ser “cota rexional” e negou que o BNG dea “carnés de galeguidade, o que ocorre é que outro se esquecen de Galiza”. “Europa resgata bancos á vez que deixa na estacada a milleiros de persoas”, engadiu Miranda, que levantou ao público ao pedir unha ovación para Camilo Nogueira, que tamén foi deputado nacionalista en Estrasburgo e estaba presente no encontro.

“É un desperdicio para Galiza votar a forzas estatais que marxinan o noso país”, asegurou a candidata do Bloque -que neses momentos xa era nas redes sociais Trending Top

ic- que tamén puxo exemplos concretos: “Na Limia e en todo o país saben que fomos nós os que levamos alá a loita contra a megaminería: PP e PSOE votaron contra o Naval, contras as Rías, contra a gandeiría”.

“Somos os da casa, non temos que chamar a Rajoy, a Rubalcaba ou Cayo Lara, só atendemos a chamada do pobo galego”, dixo Miranda no remate do acto, que significou toda unha inxección de forza para o BNG cara ao seu obxectivo de renovar representación no Parlamento Europeo e se pechou coas 1.200 persoas cantando o himno galego.