II Xornada Parlamento Aberto

BNG chama a defender “con uñas e dentes” a sanidade pública fronte ao “acoso” do PP

Unha imaxe das xornadas

A sanidade pública centrou a  II Xornada Parlamento Aberto organizada polo BNG e que decorrer este sábado na Cámara galega, con participación de profesionais da saúde, cargos nacionalistas e representantes de colectivos. O Bloque defendeu a necesidade de continuar coa mobilización social para defender a sanidade pública.

 

“Hai que seguir coa mobilización e coa resposta social e dando información do que está pasando”, indicou a portavoz nacionalista Ana Pontón, “porque hai que defender o sistema público de saúde con uñas e dentes ante o acoso do PP que pretende facer da sanidade un negocio para uns poucos”.

 

Pontón cualificou de “indecente” que o presidente da Xunta “teña todo o tempo de mundo para reunións clandestinas coa sanidade privada, pero nin un só minuto para reunirse coas plataformas que representan aos profesionais da saúde, áreas sanitarias, aos partidos políticos, ao conxunto da cidadanía que se manifesta masivamente nas rúas.

 

Entre as prioridades inmediatas para os nacionalistas está a conseguir que no debate parlamentario se eliminen os aspectos máis lesivos da reforma do PP da actual Lei de Sanidade de Galiza, “que avanza na privatización e suprime áreas sanitarias, así como corrixir o desmantelamento da atención primaria”.

 

Atención primaria, a situación dos profesionais, a saúde mental son algúns dos temas debatidos nestas xornadas, nas que tamén hai unha mesa con representantes de diferentes colectivos e plataformas que combaten a privatización da sanidade pública.