O BNG chama a poñer ''fóra de circulación'' a un PP que levou a Galiza a ''ter a maior taxa de paro da súa historia''

Co gallo do Día da Clase Obreira Galega a fronte nacionalista lembra que baixo os gobernos de Feijóo ''destruíronse 110.000 empregos'' e a precarización asolaga o mercado laboral. Xavier Vence entende que “é o momento” para que a cidadanía “de a volta á situación”.

 

10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, unha data na que, como afirma Xavier Vence, os datos non dan moitos motivos para celebracións e si para loitar. “Estamos ante os peores dados do mercado laboral de toda a historia de Galiza: un 22%, un 51% se falamos de mocidade”, sinalou o portavoz nacional do BNG. Lembrou, ao fío destes dados, que na brutal crise económica que nos 80 bateu Galiza “o desemprego era do 12%”.

"É o momento de cambiar de chip e de varias as políticas ao servizo da banca e dos oligopolios"

Vence denunciou con números os resultados destes anos de gobernos de Núñez Feijóo: 90.000 nov@s parad@s, 110.000 empregos destruídos (45.000 desde a aprobación da reforma laboral), unha das taxas de ocupación máis baixas da Unión Europea (42,4%). O cadro complétase, achega o portavoz nacional, co aumento “das familias que dependen de subsidios, houbo unha precarización brutal do mercado de traballo,...” Ademais, engadiu, “en Galiza temos a distribución da renda moi desigual”.

O 18% do PIB, para rescatar a banca

Esta realidade ten explicación, lembra Xavier Vence: As políticas da Troika e do Partido Popular. O 18% do PIB do Estado español (180.000 millóns de euros) destinouse a salvar a banca. Foron decisións, como os recortes en dereitos e servizos públicos, que teñen consecuencias directas prexudiciais sobre as maiorías sociais.

"Desde a chegada de Feijóo en Galiza destruñironse 110.000 empregos"

E esta realidade ten solución, apunta o portavoz do BNG: “Hai que rachar con esas políticas ao servizo de oligopolios e grandes finanzas, reorientar o gasto público para unha política diferente, centrada na política produtiva...”.

E para construír esa solución Vence considera que hai unha cita importante para dar eses primeiros pasos: a do 25 de maio. “Os cidadáns galegos teñen a oportunidade de dar a volta ao que está a acontecer”, sostivo, “e desde o BNG imos traballar para que a cidadanía galega poña fóra de circulación á Troika e ao PP”.