BNG e CIG reclaman un marco galego de relacións laborais

Un marco de recoñecemento de Galiza como nación permitiría un outro escenario de mudanza económica e social en beneficio da maioría social e clase traballadora. 

“Nós traballamos, nós decidimos”. Unha premisa que BNG e CIG reclaman para exemplificar a defensa dun marco galego de relacións laborais. Un marco que, aseguran desde as dúas organizacións, suporía melloras para a clase traballadora e maioría social.

O BNG presentou esta quinta feira á CIG a proposta política plasmada nas Bases Democráticas. Ambas coincidiron en que un marco institucional deseñado a partir do recoñecemento de Galiza como nación permitiría mudar a actual dinámica económica e social.

 

Recentralización

 

“Estamos ante unha recentralización e un roubo de dereitos moi prexudicial para o noso país. A taxa de paro medrou catro puntos desde 2009, a poboación activa caeu tres veces máis ca media estatal, e temos unha taxa de actividade menor ca media”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón, tras o encontro dunha representación da Executiva nacional coa dirección da CIG, encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril.

 

Incremento das desigualdades, da precarización e temporalidade están cada vez máis presentes. Miles de traballadores cobran menos do salario mínimo, algo “no que teñen moito que ver os convenios colectivos que se impoñen desde Madrid”, afirmou Pontón.

 

A proposta política das Bases Democráticas, dixo, “permitiría blindar un marco galego de relacións laborais e unha carta de dereitos sociais avanzados que de facto bote por terra todas as contrarreformas e roubos de dereitos dos últimos tempos”.

 

A recente negociación das traballadoras de Bershka, do sector provincial da construción en Pontevedra ou as negociacións que se aveciñan para o cadro de persoal do Banco Pastor son exemplos citados pola CIG da importancia de ter un marco galego de relacións laborais para evitar imposición desde Madrid, e mesmo que se exclúa dunha negociación aos representantes laborais dos centros de traballo de Galiza, como pode pasar co caso do Pastor na Coruña.