ENCONTRO ABERTO

BNG e colectivos sociais partillarán nun 'Parlamento aberto' propostas para 'a Galiza que queremos'

A xornada decorrerá o sábado 19 na Cámara galega. Francisco Jorquera resume a finalidade: “Que os colectivos sociais nos acheguen a súa visión sobre os problemas reais do país” e trasladar as súas propostas ao 'Debate sobre o Estado da nosa Nación'

 

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera e a deputada, Ana Pontón presentaron 'Parlamento aberto: Ideas para a Galiza que queremos', a xornada organizada pol@s nacionalistas para este sábado 19 de setembro e na que tomarán parte diversos colectivos e entidades sociais. Este encontro aberto vén ser unha continuación da que decorreu en abril baixo o nome 'O Parlamento é do pobo' e no que tomaron parte representantes de por volta 40 colectivos: desde a defensa da sanidade pública até o sector do mar, pasando polos valedores do patrimonio e da lingua ou colectivos de persoas en desemprego.

Son estas experiencias as que abren as portas do Parlamento fronte ás medidas do Partido Popular para “acuartelar” a Cámara, afirma o BNG. Para Jorquera, esta xornada procura que diversos colectivos sociais “nos acheguen a súa visión sobre os problemas reais do país” e trasladar as súas propostas ao “Debate sobre o Estado da nosa Nación” que se realizará nun contexto político especialmente relevante.

Debate relevante

O parlamentario remarcou que o 'Debate do Estado da Nación' será moi relevante en clave interna galega  por mor  da grave crise demográfica, a emigración xuvenil, o desmantelamento dos sectores básicos e a  situación agravada dun goberno “dimisionario das súas responsabilidades” que carece de axenda e convertido “nunha vulgar franquicia do Goberno Rajoy”.

Pola súa parte, a deputada, Ana Pontón explicou que con esta iniciativa o grupo parlamentar do BNG inicia a preparación do 'Debate do Estado da Nación' e salientou a súa convicción de que este será o “último de debate de Feijóo como presidente da Xunta”. Apostou en abrir o Parlamento a participación social e contar con todos os colectivos, entidades e persoas que loitan contra os recortes e dereitos”.

A xornada da mañá do sábado 19 principiará  cun primeiro debate sobre a situación política de Galiza para continuar con  catro grupos de debate que  abordarán a soberanía, democracia e loita contra a corrupción, xestión pública e dereitos sociais, un novo modelo produtivo e ordenación do territorio e un último grupo que analizará o papel da cultura e proxección exterior de Galiza.