Eleccións Europeas 9-X

O BNG defenderá en Europa un cambio na PAC que achegue "empregos dignos" no rural

Visita de Ana Miranda e Ana Pontón ás instalacións de Innolact-Quescrem, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
"O BNG é a voz que quere defender toda esa cadea de produción da industria láctea agraria do noso país, empezando por defender a nosa capacidade produtiva, pero tamén que teñamos un novo deseño da PAC que se adapte á realidade galega", apuntan Pontón e Miranda desde Castro de Rei.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, destacaron esta terza feira que o BNG defenderá en Europa un cambio na Política Agraria Común (PAC) que se adapte á realidade galega en favor dun sector agrogandeiro sustentábel, innovador e que achegue empregos e rendas dignas no rural. Así o destacaron nunha visita a Castro de Rei (Terra Chá), onde percorreron as instalacións de Innolact-Quescrem, empresa que sinalaron como un exemplo que demostra a capacidade produtiva que ten Galiza cando aposta "pola innovación e polo coñecemento" e facéndoo, ademais, desde un concello do interior do país.

Pontón prometeu que o "escano galego" que representa o BNG vai servir para dar voz ao tecido económico e produtivo do país e á capacidade produtiva e transformadora do sector agrario. Para iso, considerou clave a aposta pola innovación e o coñecemento, pero tamén por apoiar a quen produce, xa que toda a cadea de produción vinculada ao sector lácteo é "estratéxica" para Galiza e "ten que ter unha voz que a defenda en Europa".

"O BNG é a voz que quere defender toda esa cadea de produción da industria láctea agraria do noso país, empezando por defender a nosa capacidade produtiva, pero tamén que teñamos un novo deseño da PAC que se adapte á realidade galega", profundou, para reclamar outra Política Agraria Común que defenda ás e os produtores galegos, fronte aos "agricultores de sofá" que reciben cuantiosas axudas "simplemente por ter extensións de terra aínda que non produzan nada".

Por iso, animou todas as persoas que queren un rural vivo, cunha aposta decidida por unha agricultura que permita rendas dignas e por unha industria transformadora que xere un maior valor engadido, a coller o próximo 9 de xuño a papeleta do BNG que encabeza Ana Miranda.

Pola súa parte, a aínda eurodeputada coincidiu en sinalar a Innolact-Quescrem como un proxecto de referencia que dá vida ao rural a través dun modelo produtivo baseado na innovación e na xeración de valor engadido, "con produtos de calidade e unha importante capacidade exportadora". Neste sentido, afirmou que os fondos europeos, e en concreto os Next Generation, "teñen que apostar por este tipo de empresas e non por outras como Altri", polo que avogou por impulsar este modelo que, como no caso de Innolact-Quescrem, xera produtos cun alto valor que "encaixan perfectamente" na estratexia europea denominada 'Da granxa á mesa'.

A candidata nacionalista puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG na defensa do sector agrogandeiro galego e comprometeuse a seguir impulsando iniciativas que beneficien a produtoras e produtores e ao conxunto da industria transformadora. Ademais dunha PAC adaptada á realidade galega, Miranda puxo o foco na aposta nacionalista por impulsar medidas concretas que contribúan á substitución xeracional, dado que "a incorporación de xente nova garante a continuidade deste tipo de industrias", concluíu.