O BNG demanda "melloras inmediatas" na N-541 para "eliminar esta vía das listaxes de estradas máis perigosas"

Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego (Foto: Nós Diario).
O BNG defendeu avanzar cara á construción dunha estrada alternativa á N-541.

O BNG rexistrou diferentes iniciativas nas Cortes españolas para demandar ao Goberno estatal "actuacións inmediatas" na N-541 ao seu paso que conecta Pontevedra e Ourense reclamando medidas que permitan "eliminar esta vía das listaxes de estradas máis perigosas".

Por iso, Carme da Silva e Néstor Rego urxiron unha mellora integral e reducir o volume de tráfico que presenta esta estrada e, paralelamente, preguntaron sobre a disposición do Goberno español a construír unha vía alternativa que permita retirar o tránsito dos principais núcleos de poboación polos que discorre.

Así o informou o BNG nun comunicado e detallou que a estrada que comunica Ourense con Pontevedra, a N-541, aparece en diferentes informes de RACE e da Asociación Europea de Automobilistas como unha das máis perigosas do Estado.

Acordo de investidura

"Hai que lembrar que no acordo de investidura conseguido polo BNG contémplanse unha serie de actuacións para a mellora integral de estradas de titularidade estatal entre as que se atopa a N-541 polo que entendemos que o Mitma debe impulsar actuacións necesarias para, ademais de cumprir o acordo, mellorar a seguridade viaria da estrada", destacou o deputado do BNG no Congreso español.

Paralelamente, e co obxectivo de reducir o elevado volume de tráfico que pasa por esa vía, o BNG defendeu avanzar cara á construción dunha estrada alternativa á N-541.