O BNG demanda traer o patrimonio cultural do Centro Galego de Bos Aires a Galiza

Centro Galego de Bos Aires

Os fondos inclúen unha biblioteca de 20 mil volumes con grande valor histórico e un arquivo sonoro de gravacións de intelectuais como Otero Pedrayo, Castelao ou Cunqueiro.

O fondo de investimento Grupo Ribera Salud está a considerar a compra do Centro galego de Bos Aires. Ante esta situación, o BNG vai rexistrar “unha batería de iniciativas” para reclamar que a Xunta de Galiza traslade os fondos do centro a Galiza e estes pasen a ser parte do patrimonio público galego.

 

Segundo indica o comunicado público difundido pola fronte, a Lei de Patrimonio cultural de Galiza 5/2016 concreta no seu artigo 4 a obriga do Executivo galego a “salvagardar o patrimonio cultural que se atope no exterior”. A portavoz de cultura, Olalla Rodil, anuncia que o BNG instará a Xunta a “actuar e defender o patrimonio galego na diáspora”.

 

O Centro Galego afronta agora unha durísima situación económica que rematará previsibelmente coa súa venda. Os seus fondos inclúen unha biblioteca con 20 mil volumes, algúns deles primeiras edicións con exemplares de enorme valor histórico; un arquivo sonoro de gravacións de conferencias e actos nos que participaron intelectuais como Otero Pedrayo, Castelao, Cunqueiro, Blanco Amor ou Martínez Risco ademais dunha pinacoteca con obras de Luís Seoane e Carlos Maside.