Para eludir custos laborais e fiscais

BNG denuncia que buques de salvamento da Xunta están inscritos en Canarias

Montse Prado, no uso da palabra

Montse Prado, portavoz parlamentaria de Pesca do BNG, acusa a Remolcanosa de inscribir dous buques de salvamento en Canarias para eludir tributar na Galiza e pide á Xunta que dea exemplo no cumprimento das obrigas fiscais e laborais.

Prado denuncia que estes dous buques de salvamento marítimo públicos de titularidade da Xunta pero con xestión privada de Remolcanosa foron inscritos pola empresa no Rexistro especial de buques, coñecido como “segundo rexistro”, con sede en Canarias para eludir custes laborais e fiscais na Galiza.

 

Debido a esta inscrición, os buques están “formalmente rexistrados e computan como canarios, os impostos páganse en Canarias, teñen que ter designado alí o representante e, salvo os mandos, o resto da tripulación pode non estar suxeita á lexislación laboral española”, explicou Prado. O Bloque destacou tamén que a empresa xestora ten recibido contratos moi beneficiosos, pero non paga os seus impostos en Galiza ou aporta só “cantidades ridículas” pois obtén bonificacións de 90 por cento no imposto de sociedades.

 

A deputada denunciou a falta de lóxica de permitir a inscrición dun servizo público neste rexistro comparando este procedemento coas chamadas "bandeiras de conveniencia" que empregan certas navieiras para rebaixar custes laborais e fiscais. Prado reclamou á Xunta que garanta que a empresa se ateña aos criterios estabelecidos no prego de condicións do contrato e que dea exemplo no cumprimento da normativa fiscal e laboral.