O BNG denuncia a ''estafa social'' das concesionarias de auto-estradas e autovías

Os nacionalistas piden unha baixada nas portaxes do 32% no camiño á súa gratuidade. ''Un traballador que cobre 1.500 e teña que desprazarse entre Santiago-Vigo destina un terzo do seu salario só a peaxes''.

O BNG propón unha redución das peaxes do 32% ata situalas nas tarifas de 2007, ano anterior ao inicio da crise económica e, por tanto, “da escalada de destrución de emprego e de baixada salarial”. O portavoz nacional, Xavier Vence, avanzou que a fronte nacionalista presentará iniciativas no Parlamento para pedir a Feijóo que renegocie as tarifas coa concesionaria propietaria da AP-9.

Puxo como exemplo o incremento de tarifas da da AP-9. Se ir de Ferrol-Tui custaba en 2007 15,35 euros por traxectoria actualidade é de, 20 euros, un 32,57% máis caro. “Este modelo de xestión é unha estafa social a través de concesionarias que explotan a clientes reféns que carecen de alternativa a estas vías, salvo a base de duplicar o tempo da viaxe por traxectos con maior inseguridade”, denuncia Vence.

Beneficios millonarios

Audasa (propiedade de Itínere a súa vez en mans dun fondo especulativo americano) tivo beneficios de 1.270,77 millóns de euros entre 2001 e 2012, dixo Vence, malia que o número de usuarios apenas aumentou en 1.800 vehículo diarios entre ambas datas.

“Un traballador cun salario de 1.500 euros que teña que desprazarse de Santiago a Vigo todos os días deixa 1/3 do seu salario na peaxe das autoestradas, aparte dos gastos de gasolina e vehículo. Non estamos ante un servizo público que estruture o país, como debería ser a AP-9”, argumenta Vence.

O portavoz nacionalista acrecentou o caso das 'peaxes na sombra' a través de contratos coa Xunta polos que as empresas perciben unha cantidade por vehículo que, neste caso, non paga o usuario senón o contribuínte. É o modelo das autovías do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión.

Dobre vara de medir

Aliás, Vence denunciou o proxectado rescata do Goberno central das nove autoestradas radiais de Madrid. “É un escándalo que o Ministerio de Fomento poña 4.200 millóns de euros para rescatar o lobbie das construtoras e da banca con cartos de todos os contribuíntes”, nun trato especial que revela “unha dobre vara de medir”.