BNG denuncia a TVG na xunta electoral por utilizar só “imaxes cunha voz en off” nas informacións de Ana Pontón
Montse Prado acusa o PP de utilizar os medios públicos galegos como “terminal de propaganda”.
A deputada e candidata do BNG pola provincia de Pontevedra, Montse Prado, anunciou esta sexta feira na sesión plenaria do Parlamento galego, que “o BNG denunciará a TVG polo silencio ao que somete á candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón”.
O PP, explicou, tenta anular ao contrario e para iso non dúbida en “quitarlle a voz” a portavoz nacional do BNG e candidata á Xunta, Ana Pontón. Durante días, explicou Prado, “observamos a escasa información do BNG, con imaxes e unha “voz en Off” mentres son emitidos os totais completos das outras forzas políticas”.
Para a nacionalista, o control do PP sobre os medios públicos galegos e a súa conversión “nunha terminal de propaganda do PP” quedou de manifesto ao longo destes once anos, pero agora acentúase “até a náusea” cando en plena pandemia da COVID-19 houbo máis de “40 comparecencias televisadas de Feixoo” convertidas en “40 mitins encubertos” en horario de máxima audiencia e superando 40 horas de pantalla con máis de 2.400 minutos. “Nin franco saía tanto no NO-DO como Feixoo na TVG”.