BNG di estar preparado para calquera escenario electoral

Ana Pontón

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, urxiu Feijóo a aclarar a data.

“O máis lóxico é que as eleccións se celebren na data xa anunciada e que non exista ningún tipo de cálculo partidista e oportunista por parte de Feijóo e do PP” dixo esta segunda feira a portavoz do BNG, Ana Pontón, en comparecencia de imprensa. Así as cousas, a voceira nacionalista asegurou que a súa organización está preparada para calquera escenario electoral. 

"Fomos a primeira organización en aprobar as listas e vimos de presentar este sábado as primeiras medidas do noso programa, que  en realidade é  moito máis que un programa, é un proxecto dun país diferente, con igualdade e prosperidade", sinalou ao tempo que avanzou o encontro que manterá esta tarde a Executiva Nacional da organización frontista para abordar a estratexia de campaña. 

“Pensamos que Galiza merece algo mellor que os gobernos que temos e  desde o BNG queremos construír unha Galiza que aproveite a nosa riqueza, que teña nas súas mans o seu presente e o seu futuro, que aposte pola innovación, que poña fin a precariedade e emigración e que blinde dereitos socias e democráticos", sentenciou.