Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque

“O BNG está en disposición de ser opción maioritaria”

“O BNG está en disposición de ser opción maioritaria” e de “disputarlle o Goberno da Xunta ao PP en catro anos”. Así o considera Ana Pontón, portavoz nacional da formación frontista, que apela a “traballar” para “chegar en boa forma” ás eleccións galegas de 2020.

Preguntada polas eleccións galegas de 2020, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, asegura que a formación nacionalista “está en disposición de ser opción maioritaria” e de “disputarlle o Goberno da Xunta ao PP en catro anos”. Nunha entrevista concedida  RNE, a dirixente do Bloque denunciou “o desleixo de Feijóo”, dun nivel, dixo, sen procedentes da Galiza”. Preguntada sobre se volverá ser candidata, advertiu de que será a militancia quen o decida, “eu sempre estou ao servizo do BNG e de Galiza”.

A respeito da asemblea nacional que a formación frontista realizou a fin de semana pasada na Coruña, Ana Pontón salientou o “exemplo de cohesión, unidade e fortaleza” e dixo que representou “o punto final” dun ano de “debate intenso”. Subliñou que o BNG ten “as portas abertas” a quen queira incorporarse ao proxecto nacionalista.

O nacionalismo, a alternativa para progresar

"Feijóo igual aspira a acabar no Consello de Administración dalgunha eléctrica, como Aznar"

A tamén portavoz parlamentar do Bloque salientou que Galiza “precisa unha alternativa nacionalista para progresar”. Puxo como exemplo o caso da enerxía, que debería servir, nas súas palabras, para “desenvolver Galiza en lugar de seguir a engordar os beneficios de Gas Natural Fenosa”. A este respeito criticou que Feijóo “demonice” propostas como esta, en relación a unha tarifa eléctrica galega. “Igual aspira a acabar no Consello de Administración dalgunha eléctrica, como Aznar”, engadiu.

A dirixente do BNG lamentou que o Goberno galego estea “entregado a Rajoy” e condenou na entrevista a “emigración” da mocidade e o “deterioro” das condicións laborais.