BNG e EH Bildu trazan a folla de ruta de esquerdas e soberanista para Europa

Vence, Juaristi e Miranda

Ambas formacións apostan en Compostela por facer do escano de ‘Os pobos deciden’ unha plataforma ao servizo das maiorías sociais galegas e vasca para loitar contra a Troika e polos dereitos dos pobos.

Achegar desde Galiza e Euskal Herria o necesario grao de area para vencer á Troika e construír unha outra Europa “desde a esquerda e o soberanismo”. BNG e EH Bildu resumiron así esta quinta feira en Compostela o contido que vai ter o euroescano que a coligación de ‘Os pobos deciden’ obtivo nas pasadas eleccións do 25M grazas os 327.000 votos obtidos.

Xavier Vence: “Coalición soberanista entre iguais que partillen un proxecto de Europa desde as singularidades das nosas respectivas nacións”

Foi unha xornada completa a que decorreu na capital de Galiza coa presenza de Jon Juaristi (EH Bildu) e Ana Miranda, así como de Xavier Vence, portavoz nacional do BNG. Un encontro con colectivos e plataformas cidadás, sociais,... e un acto público aberto foron as trabes sobre as que decorreu a axenda. Explicar as liñas mestras do traballo da coligación soberanista e escoitar a movementos e entidades sociais.

Tres eixos sobre os que traballar

“Coalición soberanista entre iguais que partillen un proxecto de Europa desde as singularidades das nosas respectivas nacións”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen sintetizou as tres liñas que centrarán a estratexia de traballo na Eurocámara: Defensa dos intereses da maioría social e do tecido produtivo para xerar emprego e riqueza. Loita “sen tregua” contra as políticas da Troika. Recoñecemento das nacións sen estado para avanzar nos procesos de soberanía.

Jon Juaristi: ““Queremos defender todos os dereitos para todas as persoas, para a maioría social tan castigada que esta pagando o custe desta crise”

“Queremos defender todos os dereitos para todas as persoas, para a maioría social tan castigada que esta pagando o custe desta crise, esa maioría social que necesita avanzar cara aos seus dereitos e a súa soberanía nacional”, afirmou pola súa banda Jon Juaristi. O eurodeputado da esquerda abertzale incidiu en que ambas formacións traballarán para defender os intereses de Galiza e de Euskadi desde unha perspectiva “de esquerda e soberanista”, para defender outra Europa “que teña como prioridade ás persoas e non a banca, para pór freo ao recorte de dereitos civís, sociais e laborais”.

Desde a base e a pé de Terra

“Volveremos ser o escano do pobo galego e representar a Galiza no Parlamento Europeo sen ningunha obediencia a Madrid, volver a ser a ponte entre Bruxelas e os nosos sectores produtivos e os colectivos e plataformas sociais”, subliñou Ana Miranda, que confirmou que desde o 1 de xullo, data de constitución da nova Eurocámara, o BNG presentará unha batería de medidasprioritarias ante a Comisión como executivo comunitario.

Ana Miranda; ““Volveremos ser o escano do pobo galego e representar a Galiza no Parlamento Europeo”


Entre elas, a cuestión do veto á construción naval civil en Ferrol, fondo de compensación para os gandeiros polo fin das cotas leiteiras, ampliación da rede natura, prohibición do uso de cianuro nasexplotacións mineiras, a problemática dos emigrantes retornados pór mor das multas de Facenda e a demanda de fondos europeos “para paliar as alarmantes cifras de emigración xuvenil”.

Acto na Coruña

Esta sexta feira o IES Zalaeta da Coruña acollerá esta sexta feira (20:00) o coloquio "Ante a monarquía española, é a hora de que as nacións decidan", con Floren Aoiz, presidente da Fundación Iratzar e membro destacado da esquerda nacionalista de Euskal Herria, e  Lois Diéguez, deputado do BN-PG expulso do Parlamento de Galiza en 1982 por non xurar lealdade á constitución española.