O BNG esixe medidas urxentes que melloren a seguridade viaria na A-8 e o acceso á Mariña

O Deputado do BNG Daniel Castro (Foto: Nós Diario).

Os nacionalistas piden "solucións eficaces" para rematar coa incomunicación da Mariña.

O deputado Daniel Castro reclama medidas urxentes que rematen coa situación de incomunicación na que se encontra a comarca da Mariña e pide a mellora da seguridade viaria na autovía A-8.

Nun comunicado dirixido aos medios o parlamentario urxe ás administracións que dean "solucións eficaces" e propón a prolongación do terceiro carril de subida da N-634 até o enlace da A-8.

O deputado da Mariña diríxese tanto á administracións estatal como á autonómica para demandarlles actuacións "definitivas" que rematen cos problemas na autovía A-8 ao seu paso polo Fiouco e que melloren a seguridade dos e das usuarias da estrada.

Sinistralidade

Ademais, pídelle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que "non se obceque en manter aberto ao tráfico este treito en días de néboa porque pode producir accidentes graves" como a colisión múltiple ocorrida o pasado mes de agosto a causa da néboa, habitual nese treito.

"Os accidentes na A-8 á altura do Fiouco son unha nova evidencia da necesidade de mellorar as comunicacións da Mariña", asegura, para advertir que "o sistema automatizado de balizas luminosas non está sendo efectivo, a sinalización de acceso á autovía cando se desvía o tráfico pola N-634 é deficiente e as rotondas do Alto da Xesta xunto a área de servizo non teñen iluminación ningunha".

A proposta do BNG, ademais da prolongación do terceiro carril da N-634 até a autovía, inclúe "o arranxo completo do treito por onde se desvía o tráfico cando se fecha a autovía, xa que aínda que supón un traxecto de dous quilómetros máis, en tempo é practicamente o mesmo e gañaríase en seguridade e comodidade", asegura Castro.

O deputado nacionalista acusa o Goberno estatal de non dar alternativas axeitadas e arremete tamén contra o PP, a quen lle recrimina e "acordarse agora das comunicacións da Mariña cando eles gobernando non fixeron nada por mellorar as mesmas e aínda por riba seguen paralizando a construción da Vía de Altas Prestacións Costa Norte, a pesar dos moitos acordos impulsados polos BNG en todas as cámaras e sabendo que esta vía se anunciou no ano 2001", lembrou.

A-74 e FEVE

Alén destas medidas para a A-8, Daniel Castro pide unha "aposta directa pola Mariña que obrigue a tomar decisións inminentes tanto á Xunta da Galiza como ao Goberno do Estado", en referencia á posta en marcha "dunha vez por todas" da Autovía A-74, Autovía da Mariña, que, segundo denuncia, "leva décadas gardada nun caixón" e que tanto gobernos do PSOE como do PP "esqueceron como unha das súas prioridades", criticou.

Así mesmo, incidiu, o goberno do Estado "ten que modernizar e facer máis accesíbeis as liñas de FEVE para que este medio de transporte sexa unha opción real para os e as habitantes da comarca e non un ferrocarril do século pasado con apenas uso".