O BNG esixirá no Parlamento que a Xunta avance no proxecto da circunvalación de Carballo

Daniel Pérez, deputado do BNG (Imaxe: Nós Diario)
"Carballo non merece estes malos tratos. Necesitamos xa a circunvalación e así o esixiremos no Parlamento e onde faga falta", afirma o deputado Daniel Pèrez.

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento da Galiza a través das que esixe á Xunta que avance no proxecto da circunvalación de Carballo (comarca de Bertgantiños), unha obra "imprescindíbel e chave" para mellorar a competitividade empresarial da zona.

Nunhas declaracións difundidas aos medios, o deputado carballés Daniel Pérez reclama ao Goberno galego que "finalice dunha vez por todas" a redacción do proxecto de circunvalación.

"Estamos a falar dunha obra imprescindíbel e chave para mellorar a competitividade das empresas radicadas no polígono industrial de Bértoa e, por tanto, chave para xerar emprego en toda a comarca", dixo para sinalar que tamén se trata de "unha obra urxente para quitar o tráfico pesado dunha zona sensíbel como é o barrio do Chorís".

 

Así, lembrou que máis de 700 nenos e nenas acoden cada día ao Colexio desa zona e que 12.000 persoas utilizan ao mes o pavillón Vila de Noiae outras infrestruturas. Unhas instalacións que xunto á piscina municipal "conviven ou máis ben malviven co tránsito continuo de camións, co perigo que isto supón".

O parlamentario nacionalista lamentou que este proxecto "apareza e desapareza" dos orzamentos da Xunta "cada ano" dependendo "única e exclusivamente de se hai eleccións próximas". "Carballo non merece estes malos tratos. Necesitamos xa a circunvalación e así o esixiremos no Parlamento e onde faga falta", sostivo.

Deste xeito, nas iniciativas rexistradas na Cámara galega o BNG urxe á Xunta que termine "de forma inmediata" a redacción do proxecto e tamén reclama que se incorpore nos orzamentos de 2025 unha partida destinada á súa execución de, canto menos, cinco millóns de euros.

Ademais, pregunta ao Goberno galego se considera prioritaria esta infraestrutura e interésase por se existe algún problema na execución da redacción do proxecto que xustifique "dous anos en punto morto".