BNG, CxG e EU reclaman demisións d@s implicad@s na Pokemon

[Imaxe de arquivo: BNG]

As tres formacións políticas emitiron senllos comunicados após coñecer a información que transcendeu ao se levantar o segredo de sumario na investigación desta trama de corrupción política que afecta especialmente a PP e PSdG-PSOE.


BNG, CxG e EU esixen que as persoas vinculadas á operación Pokemon contra a corrupción política, que afecta os concellos de Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense gobernados por PP e PSdG-PSOE renuncien ás súas responsabilidades políticas.

Fixérono a través de senllos comunicados de imprensa após a xuíza Pilar de Lara levantar o segredo do sumario sobre parte da investigación, permitindo coñecer a implicación do rexedor compostelán Ángel Currás, do rexedor coruñés Carlos Negreira, do rexedor lucense Xosé López Orozco e do ex-rexedor ourensán Francisco Rodríguez. 

Vence reclama "depurar responsabilidades"

"Consideramos que hai necesidade de depurar responsabilidades políticas que deben dar lugar á dimisión do alcalde de Santiago pola manifesta corrupción de contratos coa empresa Vendex, e exactamente igual co alcalde de Lugo e co tenente de alcalde do Concello da Coruña". Así se manifestou o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, quen chamou a "depurar responsabilidades" a respeito da contratación de servizos públicos "para facer negocios privados e para a contratación de xente a dedo". 

Ademais da esixencia de dimisións, o portavoz nacional puxo o foco nas consecuencias que trae a privatización de servizos públicos para favorecer o lucro de empresas privadas e puxo o foco nas consecuencias que aquela carrexa: "pon en evidencia como hai empresas cazadoras de contratos que teñen como modus operandi para conseguilos a corrupción de todos os que están na cadea de mando, funcionarios e responsables políticos", apuntou o nacionalista. 

Bascuas esixe explicacións a López Orozco "canto antes"

O secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, solicitou que o alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, explique "canto antes" as informacións que este primeiro de febreiro se deron a coñecer e que lle atribúen un sobresoldo mensal de 2.000 euros que recibía da empresa Vendex, o eixo central da operación Pokemon. 

"Algo cheira a podre no PSdG-PSOE", proclamou Bascuas após sinalar que "debemos ter a debida cautela e respectar a presunción de inocencia". Aliás, pediu celeridade na tramitación do sumario para deputar responsabilidades políticas o máis axiña posíbel.

Díaz tamén pede a "inmediata" demisión dos cargos públicos implicados

A coordenadora nacional de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, reclamou a "inmediata" posta a disposición dos cargos das persoas implicadas na trama corrupta. Os feitos que se deron a coñecer co levantamento do segredo do sumario son "absolutamente gravísimos" ao entender de Díaz, quen convidou a "imaxinar" o que aínda non se coñece da Pokemon para coñecer a súa verdadeira envergadura.