O BNG fica só no pleno de Ferrol na súa defensa do naval

Acto do BNG en Ferrol

A moción dos nacionalistas demandando, entre outras, o fin do veto á construción civil, que a Xunta entre no consello de Navantia ou o desglose do grupo estatal en unidades territoriais, tivo o voto en contra de PSOE, PP e IF e a abstención de IU.

O BNG non conseguiu que ningún outro grupo da corporación municipal do Ferrol apoiase a súa moción na que se demandaban unha serie de actuacións e compromisos para co sector naval da comarca. Así o recolle Diario de Ferrol, que indica que votaron en contra o PP (“a súa redacción fai inviábel que o poidamos votar”), Independentes por Ferrol e PSOE (“rezuma electoralismo”). Izquierda Unida abstívose e explicou que non apoiaba a moción dos nacionalistas “porque é unha declaración programática do BNG e está feita para ser votada só por eles”.

Para o PSOE a moción non é apoiábel porque “parece proclamar que a salvagarda do naval reside no nacionalismo”. Para IU, "porque é unha declaración programática do BNG"

Mais, que demandaba a moción do BNG? Segundo a fronte nacionalista, actuacións moitas delas que os propios traballadores do sector e a cidadanía veñen reclamando desde hai tempo para poñer fin a unha situación que nestes dous anos e medio destruíu 3.700 empregos na comarca. E a chegada do flotel, como volveu recalcar esta quinta feira o comité de empresa de Navantia é un alivio mais non a solución. “Non vai crear emprego en Ferrol”, apuntan en DF.

Operarios dan as costas ao goberno local

A moción nacionalista sobre o naval abranguía varios puntos: a fin do veto á construción civil, recapitalización da empresa, que a Xunta teña representación no consello de Navantia ou un 'desglose' das diferentes unidades territoriais da sociedade a nivel de xestión e operatividade.

No transcurso da sesión plenaria, un grupo de representantes dos operarios de Navantia que estaba no salón erguéronse e durante 10 minutos deron as costas o goberno local. Abandonaron o pleno ao berro de 'dique si'.