O BNG aposta por unha campaña de ''mobilización masiva'' fronte a UE e os seus valedores

Convoca un Encontro Nacional Aberto este domingo no Auditorio de Santiago de Compostela. O secretario de organización Bieito Lobeira destacou que a campaña nacionalista para as europeas farase ''sen pedir créditos e financiada só coas achegas dos militantes”. Aliás, o BNG renuncia ao mailing, ''cun aforro público de 465.000 euros''.

 

O BNG organiza este domingo no Auditorio de Compostela unha xuntanza de militantes e simpatizantes, unha “demostración de forza” en palabras de Bieito Lobeira, secretario de organización, para mostrar a mobilización da cidadanía galega fronte as “agresións” da Unión Europa. Este Encontro Nacional Aberto quer ser, sinalou Lobeira, o sinal de arranque dunha campaña de “mobilización masiva” dos e das galegas contra a estratexia “narcotizante e de somnolencia colectiva” do bipartidismo.

Un Encontro Nacional, dixo o secretario de organización nacionalista, “no que terán voz os representantes dos sectores agredidos polas políticas da UE, colectivos aos que lle teñen roubado a súa vida, aos traballadores e traballadores explotados, aos mozos emigrantes, homes e mulleres do país que padecen os efectos dunhas políticas comunitarias que son aplicadas sen escrúpulos polo PP dende o Goberno galego e español”.

Coherencia e compromiso coa Terra

Para Bieito Lobeira esta campaña vai ter no nacionalismo galego o seu alicerce, pois é o BNG, asegurou, o que supón o “mellor antídoto” contra esa UE, Troika e Banco Central que “esmaga” os sectores produtivos galegos. “Nunca pecamos do papanatismo europeo” de PP, PSOE e IU, asegurou Lobeira.

Aliás, resaltou que é o BNG a papeleta axeitada para facer fronte a Arias Cañete, candidato do PP: “O o seu programa é o intento de aniquilación da capacidade produtiva da nosa nación”.

'Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos'

Na comparecencia ante os medios, o responsábel nacionalista presentou o cartaz e o lema desta campaña para as eleccións europeas.  'Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos',  vai ser a palabra de orde. “Que hai unha alternativa desde Galiza, unha forza propia non supeditada a ningunha outra de obediencia española con centro de decisión en Madrid”, explicou Lobeira.

Sen mailing nin créditos bancarios

Esta campaña electoral do BNG vai ser “diferente á de calquera outra forza política do país”, explicou Bieito Loberia, afirmando que vai ser a única que non utilizará créditos bancarios porque os recursos nesta campaña proceden en exclusiva das achegas da militancia.

“O BNG non depende nin de bancos, nin de empresas, nin de ninguén, non está subvencionada, son achegas da militancia e simpatizantes. Este é un mérito que queremos poñer en valor, nun momento no que o que abundan son sobres B, chanchullos, sobresoldos noutras forzas políticas”, explica Lobeira.

Aliás, o Bloque non usará o correo masivo -mailing-, o que permitirá aforrar 465.000 euros públicos, segundo di a formación, nunha campaña “moi modesta” en termos económicos, “pero digna, baseada no traballo da militancia”.