Vence reitera que o nacionalismo galego de esquerdas debe ir coligado a Europa

Vence no encontro sectorial da Illa [Imaxe: BNG]

O voceiro nacional do BNG insistiu en que a formación frontista fica "aberta" á incorporación de todas as forzas da esquerda nacionalista nunha candidatura.

 

O BNG continúa "aberto" á conformación dunha única candidatura face as eleccións europeas de maio en que concorran todas as forzas da esquerda nacionalista da Galiza. Voltou sinalalo este sábado o voceiro nacional da formación frontista, Xabier Vence, só unhas horas despois de que o líder de Anova, Xosé Manuel Beiras, acusara o Bloque de rachar con esta posibilidade. 

"Seguimos abertos a esa gran coligación porque consideramos que Galiza precisa unha forte representación de todo o nacionalismo deste país", subliñou Vence, considerando así mesmo que o que non necesita Galiza "é que se afortalen formacións de ámbito estatal", en referencia á man que Beiras tendeu a Esquerda Unida defendendo unha alianza entre as dúas forzas maioritarias que integran AGE.

En defensa do sector pesqueiro perante o desleixo do PP

O voceiro nacional da formación frontista fixo as declaracións a respeito das europeas nun acto sectorial realizado na Illa de Arousa en que tamén asumiu a defensa do sector pesqueiro e marisqueiro en Europa perante o desleixo do PP. Así, reclamou acceso ao crédito, ampliar as cotas de pesca e seguros que cubran os paros forzosos na pesca de baixura e no sector mexilloeiro.

Xabier Vence contrapuxo o traballo da eurodeputada e candidata ás eleccións europeas Ana Miranda na Eurocámara co abandono do PP, e citou como exemplo as emendas presentadas pola eurodeputada conservadora Carme Fraga para impor un sistema de etiquetado que prexudica ao sector marisqueiro e do mexilón galego.

Pola súa banda, Miranda defendeu unha etiquetaxe en que fose obrigatorio informar da orixe do produto a quen o consome e opúxose a un acordo que deixaba fóra das augas de Mauritania a frota cefalopodeira galega.