BNG insta a UE a facer público o seu informe sobre o sinistro de Angrois, que pode variar a resolución do caso

Bruxelas cuestiona a legalidada da comisión cuxo informe limita as responsabilidades do sinistro de Angrois ao maquinista, afirman os nacionalistas.

O BNG quere que a Axencia Ferroviaria europea faga público o seu informe sobre o sinistro de Angrois, ao tempo que lembrou que a Comisión europea ten aberto un procedemento de infración contra o Estado español por vulnerar a directiva de seguridade ferroviaria no que atinxe á independencia da Comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF).

Ana Miranda, portavoz do BNG en Bruxelas, lamentou que a Axencia Ferroviaria europea non faga público o informe, un documento que nace do compromiso adquirido para coas vítimas do sinistro e as súas familias nunha viaxe que fixeron, coa delegación do BNG, a Bruxelas. Miranda lembrou que o artigo 21 da directiva europea de seguridade ferroviaria establécese que os integrantes dos órganos de investigación de sinistros ferroviarios deben ser independentes, mais a CIAF non o é. Todos os cargos deste organismo son nomeados polo Ministerio de Fomento, mesmo a súa sede está neste ministerio e hai un vencello entre investigador e investigado.

“Ese informe pode mudar o curso da investigación xudicial e o curso das responsabilidades políticas”, salientou a portavoz en Bruxelas, Ana Miranda.

Este procedemento abriuse en 2012, sinala o BNG, por realizar o Estado unha transposición “mala” da directiva de seguridade ferroviaria, pois detectou “erros e vicios” que non concordan coa normativa da UE. Por iso, os nacionalistas partillan coas vítimas a opinión de que o informe da CIAF non é independente.

Presións

Así, se ben o informe da Axencia ferroviaria xa está finalizado, négaselle o acceso ao mesmo ás vítimas do sinistro, o que Ana Miranda entende como “moi grave” pois son parte afectada e o contido do informe pode variar a investigación de se confirmar que non houbo i9ndependencia na CIAF.

Lembrou que hai dúas denuncias presentadas na Comisión de peticións do Parlamento europea, e que se van tratar antes do verán. A Comisión europea comprometeuse a dar unha resposta ao BNG entre o 24 e 25 de maio sobre se poderá acceder este mes ao informe. Miranda indicou que o Parlamento galego debe pedir oficialmente ese documento á Comisión europea.

A preguntas dos xornalistas sobre se considera que hai presións de PP e PSOE para que non se fagan públicos eses informes, a portavoz do BNG en Europa considera que “presións debe haber”.

A portavoz nacional, Ana Pontón, dico que este tema é de “gran importancia” pois estamos a falar da “falla de independencia” nunha investigación que orixinou o falecemento de 81 persoas. Demandou a necesidade dunha comisión parlamentar que depure responsabilidades políticas á par dunha comisión técnica verdadeiramente independente. “A xustiza só pode erixirse sobre a verdade e sobre o fin da impunidade”.