'REPúBLICA SI, PERO GALEGA'

O BNG lanza un manifesto co gallo do 14 de abril

Con motivo da proclamación da II República española a organización frontista fixo público un manifesto no que aposta na construción da República da Galiza. 

Este 14 de abril cúmprense 85 anos da proclamación da II República española. Con motivo desta data o Bloque Nacionalista Galego fixo público un manifesto intitulado 'República si, pero galega'

No texto, a organización frontista aposta na construción da República da Galiza, "unha república nosa, galega, social e democrática, que aposte no benestar, na xustiza e na igualdade; na educación, a sanidade, a vivenda e a cultura como dereitos; no laicismo, na defensa da terra e no respecto dos dereitos das persoas e dos dereitos nacionais de todos os pobos do mundo", sinalan. 

O BNG asegura que "unha simple mudanza na forma do estado non mudará nada esencial no noso país"

Perante esta conmemoración, desde o Bloque aseguran que "unha simple mudanza na forma do Estado non mudará nada esencial no noso País e non resolverá os problemas que padecemos". 

Neste senso, recoñecen que "cada día" o "sistema político e socio-económico español" se "mostra máis desvergoñadamente como o que é, un aparello ao servizo da clase dominante, das grandes empresas, da banca e do poder económico". 

Porén, entenden que "para podermos mudar realmente" a situación que atinxe Galiza, "que corta as posibilidades de a nosa nación desenvolver todas as potencialidades económicas, que elimina os nosos principais sectores produtivos e con iso millares de postos de traballo, que espolia os nosos recursos e os nosos aforros, que practica unha política sistemática de españolización e asimilación lingüística e que condena toda unha xeración de mocidade sen futuro á emigración e ao desemprego", o pobo galego ten "dereito e escribir a nosa propia historia e a construír un futuro diferente do que outros queren para nós, de xustiza, igualdade e liberdade". 

Desde "conviccións profundamente democráticas e republicanas", afirman, "facemos un apelo aos galegos e galegas para ergueren os soños e as esperanzas, -as de cada un/ha de nós, as de todo un pobo-" para, sentencian, "transformar [os soños] en realidade".