A Comisión Redactora conclúe o rascuño das teses

BNG lanzará na XVI Asemblea Nacional a estratexia Avanza Galiza

O Consello Nacional do próximo 18F aprobará o rascuño das teses do BNG para a XVI Asemblea Nacional, informaron esta terza feira en conferencia de imprensa Goretti Sanmartín e Rubén Cela. Coa luz verde do máximo órgao da formación frentista, os textos pasarán ao seu debate nas comarcas.

O proceso de refundación-reactualización do BNG vai cumprindo etapas. Após o Proceso Adiante -caracterizado por unha alta participación, con arredor de 1.800 persoas que tomaron parte en non menos de 120 asembleas locais ao longo de todo o país-, a comisión redactora das teses para a XVI Asemblea Nacional acaba de lle pór o ramo á súa obra. O rascuño dos textos a debate xa están pois prontos para seren avaliados e aprobados polo Consello Nacional na reunión que o máximo órgao da fronte realizará o sábado 18F. A partir daí, as teses irán ao debate nas comarcas, voltarán para seren ditaminados ao Consello Nacional e finalmente o percurso levará até o plenario da Asemblea Nacional, a se realizar os días 25 e 26 de marzo.

O obxectivo programático básico do conclave, en palabras de Rubén Cela, responsábel de Comunicación do Bloque, é conseguir que após esta XVI Asemblea Nacional o BNG "continúe a ser a casa común do nacionalismo galego" e reforce, alén do máis, a tendencia á recuperación que se evidenciou cos resultados das eleccións galegas, moi por enriba das expectativas.

 

O BNG está a medrar neste momento como organización, enfatizaron Sanmartín e Cela. E deron dados: desde as eleccións galegas máis de 800 persoas achegáronse ao Bloque -delas máis de 300 para se afiliar, o resto en calidade de simpatizantes- e recentemente materializouse a incorporación como colectivo da Fronte Obreira Galega. "Temos sempre a man tendida a todas as persoas que compartan que Galiza é unha nación que ten direito a decidir o seu futuro", dixo Cela.

Novidades

Hai novidades. E avanzáronas Sanmartín e Cela. Primeira, o BNG vaise dotar de novos estatutos. Esa xa era unha das conclusións á que chegaron as mesas de debate do Proceso Adiante. Era precisa unha actualización e os cambios a introducir, tantos, que se facía preciso non unha reforma, senón unha redacción dos estatutos ex novo. Segunda novidade, a reactualización dos principios fundacionais, aqueles que foron estabelecidos na iniciática Asemblea de Riazor de 1982. Trataríase de incorporar asuntos que como o laicismo ou a aposta nunha economía sustentábel "formaban parte da nosa praxe política, mais non foran engadidos a ese relatorio fundacional", esclarece Cela.

E algo máis: o BNG pasa a se definir como un "movimento socio-político", o que significa que "vai máis alá da expresión política e que intenta abranguer todas as realidades que están actuando no país", indicou Goretti Sanmartín, responsábel de Organización do Bloque. E, en consoancia con esa nova definición, a formación soberanista tenciona dotarse dunha folla de rota a meio prazo baixo a denominación Estratexia Avanza Galiza, un plano a desenvolver no período 2017-2020.

Os obxectivos de Avanza Galiza, salientou Sanmartín, son os de pór o país rumo á soberanía, deixando atrás "o actual status quo".