BNG lidera o ránking de calidade democrática dos partidos no Estado

Acto do BNG

Podemos, a outra formación que aproba o test de '+ democracia', no que se miden variábeis como a escolla de candidatos ou democracia interna.

O BNG é a organización política con maior calidade democrática, segundo o estudo realizado por politólogos e sociólogos para '+ democracia'. Un informe realizado en base a 41 indicadores, que abranguen todos os aspectos relativos ao funcionamento interno dos partidos: democracia interna, sistemas de escolla de candidatos, dereitos de afiliados, información pública sobre a organización...

Con estes dados, '+ democracia' fixo unha valoración global dos 14 partidos que se inclúen nesta análise. E o BNG foi o que obtivo mellores resultados, ficando Podemos como segundo, por diante de ICV, PSC, PSOE, ERC, UPyD, Ciudadanos, IU, CC, PNV, Convergents-CDC, PP e Unió.

Así pois, tan só dúas formacións, BNG e Podemos, aproban o exame de calidade democrática fixado por esta entidade, ao obter respectivamente 5,7 e 5,5 puntos de valoración global sobre 10.

O duopolio PP e PSOE teñen cualificacións baixas. O PSOE obtén un 4,3 de valoración global, só superando o aprobado en materia de información pública. O PP fica cun 2,3 de valoración global, liderando o ránking pola cola xunto a Unió Democràtica de Catalunya (UDC) e os seus antigos socios de coligazón, Convergència (CDC).